Presentado o programa de actividades para o día das Letras Galegas
Esta mañá presentouse no Liceo o programa de actividades para o 17 de maio, día das Letras Galegas. Este ano, os actos están organizados pola “Asociación proCentenario de Nós 2020”, e contan coa colaboración do Concello de Ourense e da Deputación Provincial. Finalmente, debido ás previsións meteorolóxicas, os actos trasládanse todos ao Liceo.
Desta forma o venres 17 de maio, o Liceo acollerá a partir das 11.00 h a inauguración Literaria dos actos polo Día das Letras Galegas, coa actuación do Grupo de Teatro Universitario Cordelia. Ás 12.00 h, na Praza de Santa Eufemia, a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto, que tamén contará coa lectura de textos de Vidal Bolaño. Posteriormente, ás 13.00 h e de novo no Liceo, haberá unha actuación do Coro da Universidade de Vigo e da Capela Madrigalista. A partir das 19.30 h continúan as actividades no patio de columnas do Liceo. A partir desa hora terán lugar as Conversas en torno a Vidal Bolaño, e a partir das 21.00 h comezará unha cea por un teatro popular, con posterior concerto tenor de All Latin Jazz e lectura de textos de Roberto Vidal Bolaño.
Actuación BailadELAS
O Auditorio Municipal acollerá mañá xoves 16 de maio outra actividade complementaria co días das Letras Galegas. Será o espectáculo teatral BailadELAS, representación que homenaxea a Roberto Vidal Bolaño. Seis mulleres bolañesas, de Teatro Antroido, é un espectáculo composto por seis cadros escénicos tirados dos textos de Roberto Vidal Bolaño. En contra da opinión xeneralizada, este espectáculo fala da importancia da muller bolañesa e intenta pescudar as liñas mestras que caracterizan as súas personaxes feministas. A actuación é ás 20.30 h no Auditorio, e ten un prezo de 5 €.