Presentación do Campus de baloncesto “Juanjo Bernabé”
A sala de xuntas do Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación do X Campus de Baloncesto “Juanjo Bernabé”, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e que terá lugar entre os meses de xuño e xullo. O acto de presentación contou coa presenza de Juanjo Bernabé, director do Campus; Sony Vazquez, coordinador do campus; Carlos Osvaldo, coordinador da canteira do COB; Arturo Rodríguez, director de OCA Hoteles, Mónica Rodríguez, xerente da estación de montaña de Manzaneda, e Bernardino González, asesor de Deportes da Deputación de Ourense.
A estación de montaña de Manzaneda será o escenario onde desenvolverá as súas actividades o campus, que terá dúas datas: a primeira delas do 30 de xuño ao 6 xullo, e a segunda do 6 ao 12 de xullo, para nenos e nenas nacidos entre 1995 e 2006. Segundo informaron os organizadores, por este campus pasaron xa nas anteriores edicións máis de 1.100 nenos, “e con esta décima edición preténdese achegar aos participantes unha nova oferta deportiva, ampliada coas novas instalación que ofrece a estación de montaña”, explicou Juanjo Bernabé.











