Prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2013/14.
Requisitos:
Para poder optar á praza de residencia os aspirantes deberán acreditar as circunstancias que impidan a súa escolarización nun centro sostido con fondos públicos. Con carácter xeral, esta circunstancia será a de non poder cursar os estudos solicitados por non haber un centro sostido con fondos públicos que imparta os devanditos estudos, ben na localidade de residencia, ben nunha localidade próxima que permita, polos medios de comunicación da zona, un acceso diario con facilidade. Con carácter particular, e documentalmente acreditado, poderanse ter en conta outras circunstancias, como condicións de orfandade, fillos de emigrantes ou situacións familiares moi graves.
Requisito de renda da unidade familiar:
Os residentes obterán praza gratuíta se a renda da unidade familiar non excede o limiar fixado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para a obtención bolsas e axudas ao estudo para o curso 2012/13 (BOE núm. 160, do 5-7-2012)
Se a renda da unidade familiar supera o limiar citado nas porcentaxes que a seguir se indican, os residentes deberán aboar as contías anuais que se sinalan.
a) Os que o superen ata un 10 %: 538 €.
b) Os que o superen máis do 10 % e ata un 20 %: 825 €.
c) Os que o superen máis do 20 % e ata un 30 %: 1.307 €.
d) Os que o superen máis do 30 %: 1.968 €.
As solicitudes poderanse presentar directamente nos centros residenciais docentes ata o 14 de xuño de 2013.
Establécese un período extraordinario na primeira quincena do mes de setembro para a presentación de solicitudes destinadas a ensinanzas autorizadas pola Administración educativa con posterioridade á publicación desta convocatoria.
Así mesmo, poderá presentar solicitudes durante este prazo extraordinario o alumnado que realice ciclos formativos e, excepcionalmente no curso académico 2013/14, o de bacharelato.
Os trámites poden facerse en http://sede.xunta.es co procedemento E306A











