Pontevedra presenta “Faiponting”, un proxecto de lecer que auna Pazo da Cultura e Illa do Covo
O concelleira de Cultura, Anxos Riveiro presentou esta maña un proxecto que vincula o Pazo da Cultura e a Illa do Covo, popularmente coñecida como Illa das Esculturas. Animando aos pontevedreses/as a cruzar ao outro lado do río e gozar dun espazo privilexiado e recoñecido internacionalmente polas esculturas de artistas de renome que se atopan repartidas no lugar, pero tamén, aproveitando o paseo para adentrarse no Pazo e participar activamente dos espectáculos, exposicións, salóns e numerosas actividades que acolle ao longo do ano.
Coa finalidade de coñecer en profundidade estes dous espazos, entre a variada programción preparada para o domingo día 2 durante todo o día, que incluirá danza, música, instalacións multimedia e o espectáculo de teatro e títeres “Trogloditas” de Tanxarina, ofértase a posibilidade de participar nun roteiro guiado.
Con saída da porta principal do auditorio ás 11:00 horas e ás 17:00 horas, e da man de Santiago Ezquieta (arquitecto) e Itziar Ezquieta (artista) realizarse o seguinte percorrido:
Pazo da Cultura/ Recinto Feiral: Inaugurados no 1997 e 1998, proxectados baixo a dirección do arquitecto Manuel de las Casas, Premio Nacional de Arquitectura, constitúen un lugar de encontro e proxección cultural: Feiras, mostras, concertos, teatro, exposicións. Percorreremos nesta fase, guiados polo arquitecto Santiago Ezquieta os recunchos menos coñecidos destes espazos, aos que o público non ten acceso habitualmente.
Da man de Antón Sobral, realizaremos tamén un breve percorrido pola exposición “Nova York, Viena, Milán Pontevedra”, que se clausura ese mesmo día.
Illa do Covo: A Illa do Covo, coñecida por case todos polo nome de “Illa das Esculturas”, é un espazo natural e de lecer que convive cunha instalación pública permanente de esculturas de doce artistas de renome internacional. Un proxecto único, que mestura con gran beleza e dinamismo arte e natureza.
O acceso a esta actividade é gratuíto e só require a realización dunha inscrición previa, facendo chegar o impreso debidamente cumprimentado ao enderezo electrónico comunicación@pazodacultura.org ou chamando de 08:00h. a 14:00 horas ao 986 833061.
Recomendamos aos/ás asistentes que o fagan coas súas cámaras de fotos, xa que se elaborará un proxecto no que as imaxes capatadas serán as protagonistas.