Ponte Caldelas saca a concurso público cinco posto de bancada central e un pechado lateral no mercado de abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+
O alcalde xunto aos praceiros

O alcalde xunto aos praceiros

O Concello de Ponte Caldelas acaba de aprobar a saída a poxa pública da adxudicación de cinco postos da bancada central do Mercado de Abastos destinados a peixe, froita e verdura, de 2,20 m2 cada un, e outro, pechado no lateral da praza, cunha superficie total de 15,76 metros.

A adxudicación farase por procedemento aberto e por poxa cun prezo mínimo de saída de 125 €, no caso dos postos de bancada central, e de 1.225 €, no pechado lateral da praza. O canon anual será de 94,75 € nos pequenos e de 663,32 € no grande.

As bases e o procedemento a seguir polos interesados nos postos sairá publicado en breve no Boletín Oficial da Provincial (BOP) e supoñerá a concesión por 20 anos debendo iniciar os adxudicatarios a súa actividade nun prazo máximo de 3 meses, contados a partir da súa notificación.

Ademais, o adxudicatario deberá realizar ao seu cargo as obras e instalacións precisas para o normal funcionamento do seu negocio, logo de autorización do Concello, e seguindo as normas xerais que ao respecto se diten, debendo garantir o bo estado do posto e correndo cos gastos en caso de reparación. Tamén deberán satisfacer as demais taxas, impostos e gastos que resulten da súa aplicación.

Unha vez finalizada a concesión, cesará a utilización privativa destes bens e as obras, instalacións e explotación dos postos reverterán automaticamente ao Concello, libre de cargas.

Os adxudicatarios deberán incorporar ao posto, para o exercicio da actividade, os útiles de traballo necesarios para a mellor prestación do servizo. Ademais, poderán facer uso da cámara frigorífica común con que conta o propio Mercado de Abastos.

Entre as obrigas dos adxudicatarios están o cumprimento da Ordenanza do Servizo Municipal do Mercado de Abastos do Concello de ponte Caldelas que, entre outras, establece que os adxudicatarios deberán estar dados de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE). Ademais, o persoal que vaia exercer a venda no posto debe estar inscrito no réxime correspondente da Seguridade Social, gozar do oportuno permiso de Residencia e Traballo por conta propia, en caso de non gozar da nacionalidade española, e posuír carné de manipulador de alimentos e autorización sanitaria, en caso de ser necesario, e certificado da Tesourería Municipal de non manter débedas co Concello.

DINAMIZACIÓN DO COMERCIO LOCAL: SORTEO PRESUME DE PRACEIRO/A

Por outra parte, dentro do compromiso do Concello de ponte Caldelas co fomento e dinamización do comercio de proximidade, levouse a cabo esta mañá, en presenza do alcalde Perfecto Rodríguez e dos comerciantes do Mercado de Abastos, o sorteo correspondente á campaña “Presume de Praceira e Praceiro”, da Dirección Xeral de Comercio de la Xunta de Galicia, resultando agraciado co primeiro premio, José Luis Rodríguez Rodríguez (do Bar O Castela, de Vilarchán), que recibirá un cheque de 75 € e que realizou as súas compras en Froitaría Teresa. O segundo premio, dotado con 50 €, foi para Manuel Garrido Garrido, como consumidor de Carnizaría Muíños, mentres que o terceiro obsequio, consistente nun cheque de 25 €, foi para Emilio Fernández Rodríguez, quen depositou o seu boleto tras adquirir mercadoría en Froitaría Teresa.

Con esta iniciativa, tanto a Xunta coma o Concello de ponte Caldelas, pretenden poñer en valor a calidade dos produtos vendidos no Mercado de Abastos e fomentar o consumo en establecementos de comercio tradicional, familiar e de calidade.

Así mesmo, con estas campañas ponse de relevo o dinamismo duns establecementos, como o Mercado de Abastos, que ofrece ao consumidor un produto e trato diferenciado, ao tempo que se apoia ao colectivo dos pracervos, que representa un elo moi importante dentro do tecido comercial local nas pequenas vilas e cidades.

3 de maio de 2013 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.