Ponte Caldelas entrega diplomas a medio centenar de estudantes que participaron no XIV certame de redacción da Festa da Troita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
Conxunto de participantes galardoados

Conxunto de participantes galardoados

Os alumnos dos centros escolares Cordo Boullosa, de Ponte Caldelas, e A Reigosa recibiron os diplomas acreditativos da súa participación no XIV Certame de Redacción da Festa da Troita 2013″, que foron entregados polos concelleiros Ricardo Castro Martínez e Teresa Martínez Tomé, en senllos actos celebrados esta mañá nos respectivos centros educativos.

O alcalde, Perfecto Rodríguez, ausente por encontrarse nun acto inescusable na Deputación de Pontevedra, enviou un afectuoso saúdo aos galardoados e participantes neste certame literario a través dunha chamada persoal aos directores dos centros e mediante os discursos pronunciados polos concelleiros delegados para este acto.

O primeiro premio do certame, entregado no colexio Cordo Boullosa, de Ponte Caldelas, recaeu en Manuel Estévez Murado, de 6º de Primaria, quen recibiu o diploma acreditativo da súa participación no concurso e un vale de 60 euros, cambiable por material escolar na Libraría El Colegio da vila caldelana.

O traballo presentado por Estévez Murado ao concurso titúlase A Troita da Laxe e é un relato que intercala os valores ecolóxicos e a transmisión oral a través da experiencia dos maiores e os petroglifos. Non en van en Ponte Caldelas encóntrase a Área Arqueolóxica de Tourón un dos conxuntos de arte rupestre máis importante de Galicia.

AGRADECEMENTO AO CONCELLO POLA SÚA AXUDA Á EXCURSION

No transcurso do acto, os alumnos presentes agradeceron ao concelleiro Ricardo Castro a súa presenza no colexio e manifestáronlle o seu desexo de que transmitise ao alcalde, ausente por estar nun acto na Deputación, o seu agradecemento pola colaboración económica do Concello na súa excursión de fin de curso.

Posteriormente, tivo lugar a entrega de diplomas no CEIP da Reigosa onde a concelleira Teresa Martínez foi recibida pola directora e varios profesores do centro educativo. Nun sinxelo acto, a edil animou aos nenos a seguir escribindo e participando deste evento vinculado coa Festa da Troito como unha forma de manter viva esta celebración “da que todos se deben sentir partícipes e parte importante desta”.

Xeila Conde Franco, de 6º de Primaria da Reigosa, recibiu o diploma, e tamén o vale de 60 euros para material escolar, de mans da concelleira Teresa Martínez e procedeu a realizar a lectura pública do seu traballo, titulado A Troita Valente, que relata de forma moi orixinal as vivencias dun pobo de troitas que pasa por unha moi mala situación económica e que encontra na limpeza e defensa ecolóxica do río Verdugo un motivo e aliciente para reivindicarse.

Os dous contos gañadores encóntranse publicados no programa de festas editado polo Concello de Ponte Caldelas en papel reciclado dentro do concepto de sostibilidade e harmonía coa natureza que preside a celebración da Festa da Troita.

22 de maio de 2013 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.