publicidade hoxe

Ponte Caldelas abre o prazo para que as persoas maiores ou dependentes que vivan soas poidan acollerse ao programa de teleasistencia domiciliaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas, a través de Servizos Sociais, abre o prazo para que aquelas persoas maiores ou dependentes que vivan soas nas súas casas poidan solicitar a súa inclusión no Programa de Teleasistencia financiado pola administración local e a Deputación de Pontevedra, segundo o convenio asinado fai escasos días polo presidente da entidade, Rafael Louzán, e o alcalde Perfecto Rodríguez.

Este servizo permite que persoas maiores ou dependentes poidan permanecer no seu fogar e no seu ámbito social coas garantías dunha atención permanente e a seguridade de que, en caso de sufrir un contratempo, poderán activar a Telealarma a calquera hora do día ou da noite, os 365 días do ano e poderán ser socorridas.

Os requisitos para beneficiarse deste programa son residir no termo municipal de Ponte Caldelas, dispoñer de liña telefónica no domicilio, ou estar en condicións de dispoñela previamente á instalación dun equipo de Telealarma, estar capacitado para o manexo do aparato e presentar a solicitude correspondente, acompañada da documentación requirida en Servizos Sociais Comunitarios do Concello.

O beneficiario deste servizo terá instalada na súa casa unha Telealarma de doado manexo intuitivo que lle permitirá, en caso de emerxencia ou dalgún problema importante, dispoñer de axuda de forma urxente as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Este programa, que empezou sendo sufragado por 5 administracións, nestes momentos só está cofinanciado polo Concello de Ponte Caldelas e a Deputación de Pontevedra e, malia o custo, o alcalde Perfecto Rodríguez manifestou que “é un servizo necesario que temos que prestar os nosos veciños, sobre todo a aquelas persoas maiores que viven soas, sen que ninguén lles poida botar unha man en caso de sufrir calquera contratempo, especialmente en casas situadas en zonas rurais do noso municipio. É un esforzo económico en tempos de crise, pero precisamente agora é cando máis se precisa do compromiso solidario coas persoas que o necesitan”.

UN CUSTO MÍNIMO PARA O USUARIO DO SERVIZO

Segundo o convenio subscrito entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponte Caldelas, o servizo será sufragado nun 34% polo ente provincial. O custo mensual por cada sistema básico de Teleasistencia instalado no domicilio dun usuario será de 19,26 euros (IVE incluído), é dicir, que a Deputación paga uns 6,5 euros, mentres que o resto será achegado polo Concello e o usuario, en función duns baremos establecidos polos Servizos Sociais Comunitarios e que, en ningún caso superará o 33% do custo, é dicir, uns 6 euros mensuais, aproximadamente.

A experiencia da posta en marcha deste servizo na provincia determina que o perfil máis frecuente do usuario é o de ser unha muller de idade avanzada, viúva e que vive soa. A Teleasistencia permite que estas persoas estean atendidas as 24 horas do día, os 365 días ao ano e que poidan así permanecer no seu fogar sen medo a ter unha caída, unha enfermidade, un golpe… e que pasen días sen que ninguén se decate e poida socorrela.

28 de maio de 2013 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.