Plantación de froiteiras en Belvís para promover o benestar ecolóxico
As concelleiras de Medio Ambiente, María Pardo, e de Benestar Social e Educación, María Castelao, participaron nunha plantación de árbores froiteiras xunto co xogador do Blusens Monbus e director executivo da Fundación The Music Tree, Levon Kendall. Esta Fundación leva a cabo proxectos que promoven o benestar ecolóxico das comunidades nas que se asenta. As súas accións consisten en concertos benéficos e outros eventos creativos co fin de inspirar ás persoas para involucrarse na construción da súa comunidade e de proxectos de auto-sostibilidade.
Nesta liña enmárcase a plantación destas árbores en Belvís, xusto a carón das hortas de Belvís, un proxecto que encaixa no que a Fundación intenta promover. Alí plantáronse dúas pereiras, dúas maceiras e dúas ciroleiras. Os fondos para esta actividade saíron dun concerto que o propio Levon Kendall deu recentemente na Sala Moon.
The Music Tree defínese a si mesma como unha organización inspiradora que traballa en desenvolver o ímpeto necesario para fomentar a música e o crecemento ecolóxico nas nosas comunidades. O seu obxectivo, din, é construír unha rede de bandas e músicos que colectivamente formen un corpo de axuda a favor de proxectos internacionais, medioambientais e comunitarios.