Participación Social amplía a San Adrián a recollida de aceite vexetal usado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira amplía o sistema de recollida de aceite vexetal existente no municipio, estendéndoo a San Adrián de Veiga. A iniciativa ecolóxica, activada con apoio de SB Galicia, susténtase na rede centros sociais municipais.

O centro sociocomunitario da citada parroquia dispón dende esta mañá dun bidón de 50 litros no que os veciños e veciñas e hostaleiros da zona poderán verter o aceite doméstico para facilitar a súa posterior reciclaxe.

Con esta decisión son xa nove os puntos recollida distribuídos por todo o territorio local, medida coa que dende a casa do concello se pretende garantir o axeitado tratamento deste produto de elevado potencial contaminante, como consecuencia da súa facilidade de dispersión na auga.

Dende os departamentos municipais implicados no proxecto- Participación Social e Obras e Servizos- faise unha chamada á colaboración dos veciños de Ortigueira, Ladrido, Porto de Espasante, A Basteira, Céltigos, Loiba, Senra, ou Ermo e agora San Adrián, e apóstase pola adopción de hábitos nos fogares que resulten máis sostibles e respectuosos co medio.

O sistema de recollida do aceite doméstico vén a completar o conxunto de propostas de sensibilización sobre a importancia e os beneficios da reciclaxe desenvolvidas ao longo deste ano na localidade.

6 de maio de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.