Ourense organiza unha visita ao Parque Natural do Invernadoiro dentro da actividade “Paseos de Primavera”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOurense
A-
A+

A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza unha nova edición de “Paseos de Primavera”, unha actividade educativo-cultural, que consiste na realizacíon a pé de tres rutas previamente seleccionadas tendo en conta factores ambientais, paisaxísticos e culturais. Os paseos realízanse de xeito tranquilo  e relaxado procurando que os participantes disfruten do entorno e se identifiquen con el.

Paseos de Primavera comezou o pasado día 28 de abril cunha visita ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, e continuará pasado mañá, domingo, día 12 de maio, cunha ruta polo Parque Natural Montes do Invernadoiro: ruta da Acebeda. Xa se inscribiron medio cento de participantes, polo que o aforo está completo.

O interese do Parque Natural Montes do Invernadoiro débese fundamentalmente a que é o espazo natural galego onde a actividade humana está máis restrinxida, o que permite a observación de animais como cervos, corzos, martas, lobos, gato montés, etc.,  con relativa facilidade, e tamén pola existencia dunha paisaxe glaciar de gran valor. Ainda que esta paisaxe herdada das glaciacións do Cuaternario ten as súas mellores manifestacións nas zonas do espazo vedadas ao público, a ruta elixida para este domingo pasa practicamente á beira dun antigo glaciar. Serán en total 6,5 Km. de dificultade baixa. Os participantes xantarán en Campobecerros e volverán ao Parque para coñecer outros aspectos deste espazo natural.

O programa de Paseos de Primavera rematará o día 26 de maio, na Ruta Xares-Lagoa do Celo. A ruta discorre dentro do coto de caza de Xares, onde se poderán contemplar cervos en semiliberdade, unha paisaxe de orixe glaciar de gran beleza e unha vexetación diversa, entre a que destaca a presenza de hábitats subalpinos. Distancia total 14,5 km., con dificultade media dividida en 2 etapas con xantar campestre polo medio.

Paseos de Primavera ten como obxectivos achegar as persoas participantes ao coñecemento e desfute do contorno natural, paisaxístico e cultural de distintos lugares da provincia, fomentar hábitos e comportamentos respectuosos co contorno e  favorecer relacións de amizade e camaradería entre os participantes.

10 de maio de 2013 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.