publicidade hoxe

Ourense contará cunha iniciativa para descontar 5 euros na implantación do microchip dos animais en maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

A X Feira da Saúde organizada pola Concellería de Saúde do Concello de Ourense coa colaboración de 33 asociacións sanitarias e colexios profesionais do ámbito da saúde incluirá durante mañá mércores 8 de maio e o xoves 9 de maio un stand no que se repartirán descontos de 5 euros para a implantación de microchips dos animais. Así, a Concellería de Saúde, en colaboración co Colexio Oficial de Veterinarios e as clínicas da cidade, fomenta a implantación do microchip, co obxectivo de facilitar a identificación do animal no caso de perda ou roubo, e evitar o abandono, á vez que contribúe a non saturar a canceira municipal.

A identificación con microchip regulamentario é obrigatoria, unha esixencia legal con responsabilidade do dono do animal. Con esta iniciativa, preténdese conseguir que tódolos donos de animais de Ourense identifiquen con microchip ás súas mascotas, á vez que se crea unha medida efectiva na loita contra o abandono dos animais.

Punto de encontro das asociacións sanitarias cos veciños

A actividade que dá comezo mañá ten como finalidade poñer en valor e visibilizar o labor que realizan en Ourense as asociacións sanitarias, proporcionándolles un punto de encontro cos veciños no que achegarlles os diferentes servizos e recursos que poñen a disposición dos cidadáns.

Ao longo de dous días, 8 e 9 de maio, desenvolveranse tamén diferentes actividades divulgativas e de sensibilización, como charlas e obradoiros, entre outras. A Feira da Saúde, nesta décima edición, incrementa o número de participantes, xa que incluirá un total de 33 colectivos, entre asociacións e a totalidade dos colectivos profesionais do ámbito da saúde en Ourense.

Rexistros sanitarios gratuítos

Os visitantes da feira terán a posibilidade de realizar rexistros sanitarios gratuítos: rexistro de colesterol, glicosa, audiometrías, medicións oculares, valoración antropométrica, índice CO2, índice alcoholemia, tensión arterial, avaliación da condición física, asesoramento nutricional, rexistro de latexo do corazón, e tamén rexistros nas farmacias da cidade.

Conferencia e obradoiros

O programa complétase cunha conferencia, que se desenvolverá o xoves, día 9 de maio ás 19:30 horas, sobre “A hipertensión, vostede é o experto”, a cargo de Carlos Menéndez Villalva, no Centro de Desenvolvemento de Novacaixagalicia, na Avenida de Pontevedra, 9. Tamén haberá obradoiro Taichi na rúa para todos; ás 11:30 e ás 18:00 horas e música en vivo, con Escorba Jazz.

7 de maio de 2013 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.