Os xardíns históricos e as hortas urbanas, nova parada dos Roteiros temáticos urbanos
A Concellaría de Patrimonio Histórico continúa mañá cos Roteiros Temáticos Urbanos percorrendo os “Xardíns históricos e hortas urbanas”, conducido por Jaime Blanco Dios, coautor de As árbores de Pontevedra. A saída será ás 11.00 horas diante da antiga delegación de Sanidade, na avenida de Vigo, para percorrer distintos xardíns históricos da cidade como A Alameda ou as Palmeiras, e tamén outros non
tan coñecidos como o da antiga delegación de Sanidade ou a Casa dos Muruais.
Os Roteiros Temáticos Urbanos son cinco saídas que permitirán descubrir os pequenos recantos, os xardíns, os conventos, as arquitecturas
contemporáneas e os espazos da heterodoxia de Pontevedra. Con esta iniciativa, a Concellaría que xestiona Luís Bará pretende de descubrir a outra cidade, a que non vemos habitualmente debido ás presas e ás urxencias cotiás…, a que se agocha nos grandes edificios ou nos pequenos detalles…
Unha Pontevedra de contrastes, na que convive o silencio dos espazos sagrados e o albordo dos parques, prazas e xardíns; a presenza contundente do relixioso e a faciana oculta do profano e do proscrito; a magnificencia das grandes arquitecturas e o engado das pequenas formas escultóricas. Unha Pontevedra, en fin, sedutora, cálida, inédita, para degustar pausadamente en cinco xornadas de sábado.
Para o cuarto roteiro a inscrición abrirase o luns, 13 de maio a través da entrada Actividades Patrimonio, na páxina web www.pontevedra.eu.
Ese cuarto roteiro estará conducido por Marta Guirado e Diego Germade pola Arquitectura urbana contemporánea.