“Os xardíns da miña cidade”, última actividade do Proxecto de Educación Medio Ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

Durante os días 10, 15 e 16 de maio os colexios de Monforte participarán na última actividade englobada dentro do Proxecto de Educación Medio Ambiental proposto polo Concello aos centros educativos da cidade. Os alumnos de primaria de seis colexios monfortinos acudirán ó parque dos Condes e ás zonas verdes da Compañía para levar a cabo a actividade “Os xardíns da miña cidade”.

A actividade encádrase no grupo “Herbario de parques e xardíns”, composto polas accións do plan pensadas para o mes de maio. O Proxecto, iniciado en outubro do ano pasado, pretende concienciar e sensibilizar aos alumnos monfortinos sobre o importante que resulta o coidado e a implicación co medio. Tras a realización doutras iniciativas, como “Enerxías Renovables” ou “As Tres RRR”, agora é a quenda da actividade “Os xardíns da miña cidade”, que ten como obxectivo principal que os rapaces coñezan as árbores e arbustos da súa contorna máis próxima e recoñezan o valor que supón cada especie vexetal.

A actividade desenvolverase do seguinte xeito: os alumnos de cada colexio monfortino acudirán ó parque dos Condes ou á Compañía, onde serán recibidos por un grupo de cinco monitores formado por estudantes e titulados de maxisterio e instrutores de tempo libre. Despois de dividilos en grupos e asignarlle unha parcela de terreo, os monitores animarán ós alumnos a observar a vexetación do arredor e a cubrir unha ficha na cal describan dende a súa óptica persoal as especies do lugar.

A actividade durará aproximadamente unha hora e media. Cada día serán dous os colexios participantes, un centro realizará a actividade pola mañá a partir das 10:30 h. e o outro farao pola tarde a partir das 15:30 h.

O colexio da Gándara e o centro Torre de Lemos levarán a cabo a actividade o día 10. O día 15 será a quenda do Ferroviario e do colexio Infanta Elena. O CEIP Monforte de Lemos e os Escolapios participarán na iniciativa o día 16 de maio.

Tras rematar esta actividade, elaborarase un recompilatorio coas fichas cubertas polo alumnado monfortino, o cal será enviado a cada centro educativo e exposto na web do Concello para que o resto de cidadáns poda visualizado.

“Os xardíns da miña cidade” pretende ensinar os rapaces de Monforte o tipo de árbores que se atopan na súa cidade e cerrar así o ciclo actividades englobadas dentro do proxecto de concienciación medio ambiental levado a cabo polo Concello en colaboración coas escolas monfortinas.

8 de maio de 2013 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.