Os voluntarios de Protección Civil de Ferrol asistiron esta fin de semana a numerosos operativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Ferrol participou en diferentes operativos esta fin de semana dentro e fora do termo municipal. Así informou o concelleiro de Seguridade e Mobilidade,  Pablo Cal Martínez.

Os voluntarios de Protección Civil de Ferrol asistiron o domingo 19 a un Simulacro de Derrube e Explosión con múltiples vítimas na provincia de Madrid no que tamén  participaron varias agrupacións da zona. Ademais, os ferroláns axudaron no dispositivo que o SAMUR montou na capital española para o control da festa en Neptuno na noite do sábado.

Así mesmo, o voluntariado de Protección Civil de Ferrol asistiu ás primeiras xornadas sobre autoprotección, primeiros auxilios, incendios e rescate de vítimas en espazos confinados celebradas o sábado e domingo en Cambre. Nas mesmas, os participantes puideron  intercambiar métodos de traballo e realizar diversos obradoiros con instrutores tanto sanitarios coma profesionais de contraincendios e prevención de riscos laborais (PRL). Ademais, ao remate das xornadas recibiron un diploma homologado pola Academia Galega de Seguridade.

No que atinxe aos operativos no termo municipal, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil asistiu o sábado aos partidos de fútbol do Racing de Ferrol e do Parrulo Fútbol Sala. Ademais, a agrupación deu asistencia e cobertura de cruces e rúas na Praza de Ultramar e nos arredores para o desfile e batalla entre tropas francesas e españolas que recreaba o sitio á cidade naval de 1809.

20 de maio de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.