publicidade hoxe

Os traballos de demolición do antigo Bambú Club obrigan a restrinxir un carril de circulación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Xefatura da Policía Local de Tráfico do Concello de Ferrol informa de que por mor dos traballos de demolición do edificio municipal do antigo Bambú Club, dende esta tarde está sinalizado un estreitamento de carril para a circulación rodada a altura onde está situado o inmoble, estrada de Castela número 6. Esta medida motiva que mentres duren os traballos de derrubamento da construción unicamente quedará habilitado un dos dous carrís de circulación en dirección a Porta Nova. A eliminación deste carril obedece á necesidade de ampliar o perímetro de seguridade co obxectivo de comezar nos vindeiros días coa intervención de demolición propiamente dita, o que suporá tamén a restrición do paso de peóns polo contorno do Bambú Club.

Cómpre lembrar que o Concello de Ferrol adxudicou á empresa Xestión Ambiental de Contratas a execución desta actuación, por un importe total de 108.334,46 euros e un prazo de execución de catro meses. A demolición do Bambú Club responde á necesidade de garantir a seguridade neste contorno de Recimil,, posto que o inmoble presenta un estado de ruína que aconsella o seu derrubamento. A intervención conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

13 de maio de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.