Os permisos para as “cachadas” de San Xoán e San Pedro poderán solicitarse ata o 19 de xuño no Concello
Como vén sendo habitual, o Concello vén de publicar un bando cos requisitos para a concesión de permisos e o desenvolvemento das cachadas de San Xoán e San Pedro. Os interesados terán de prazo ata o 19 de xuño para solicitar a preceptiva autorización municipal, que implica a aceptación do cumprimento dunha serie de normas sobre seguridade e limpeza. O trámite pode realizarse xa no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres en horario de 8:30 a 14:30 horas.
Na solicitude de autorización de cachada debe constar, como mínimo, a persoa responsable da cachada, identificada con nome, carné de identidade, dirección, teléfono e copia do DNI. A fogueira terá un perímetro de seguridade de 6 metros de radio por cada metro de altura, porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nos arredores non exista ningún local lo que se almacenen produtos inflamables. Nos se poderán acumular combustibles nos arredores das cachadas e tampouco se poderán queimar nelas material contaminantes ou perigosos, como neumáticos, aerosois, etc…
Para garantir a seguridade e atallar posibles incidencias, deberá disporse de material para a extinción do lume, tal como caldeiros con auga, area ou extintores, e os organizadores están obrigados a deixar completamente apagada a fogueira antes de marcharse. Ademais, con exceso de vento non se poderá prender a fogueira.
No caso de que se teña intención de realizar a cachada na beirarrúa ou en calquera outro espazo público, ademais de cumprir os requisitos xa mencionados, deberá solicitarse un permiso de ocupación da vía ou espazo público, protexendo o pavimento con placas de ferro, area ou material similar que evite danalo e debendo deixar a zona limpa unha vez rematada a fogueira.
Efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias e da Policía inspeccionarán as fogueiras que obteñan permiso a efectos de verificar o cumprimento das normas de seguridade. Aquelas cachadas que non fosen autorizadas, ou para as que non se presentase solicitude previa, non poderán levarse a cabo, quedando encargados os servizos municipais de impedir o seu desenvolvemento.