Os Museos Científicos Coruñeses recibiron máis de 9.000 visitas o Día da Ciencia na Rúa
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que un total de 9.021 persoas visitaron os Museos Científicos Coruñeses con motivo da xornada de portas abertas que se celebrou dentro da programación do XVIII Día da Ciencia na Rúa, o pasado sábado 4 de maio.
A Casa das Ciencias, situada no centro desta celebración científica, recibiu 3.159 persoas, moitas das cales asistiron a algunha das seis sesións de planetario que se ofreceron ao longo da xornada. O Aquarium tivo o maior número de visitas, 4.582; a Domus recibiu tamén unha notable afluencia, xa que foi visitada por 1.280 persoas.











