Os monólogos de Rober Bodegas, Fede Pérez e Pepo Suevos: propostas teatrais para o programa do San Xoán 2013
O programa das Festas de San Xoán 2013 ademais das actividades musicais relevantes, como o concerto de El sueño de Morfeo, os concertos do festival Rockin’ e as diferentes actuacións das orquestras, tamén inclúe espectáculos teatrais que a Comisión de festas programa en colaboración con outras entidades. Neste caso, a proposta céntrase no humor da man do espectáculo “Monólogos R” con Fede Pérez e Pepo Suevos; e de “O umbral da estupidez”, de Rober Bodegas (na imaxe). O primeiro deles ten lugar o venres 14 de xuño. Fede Pérez e Pepo Suevos poñen en escena o seu mellor repertorio para espertar as gargalladas do público. Esta proposta, que xa leva varios meses rodando por diferentes cidades galegas, está organizada por R Cable. O espectáculo comeza ás 21.30 horas na Praza do Concello de Carballo. O segundo ten lugar o sábado 15 de xuño e nel Rober Bodegas reflexiona con humor sobre se nos estamos volvendo máis imbéciles cada día na nosa vida cotiá. Esta cita comeza ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A venda de entradas comeza o martes 28 de maio a través do servizo de televenda de <novagaliciabanco.es> ou no teléfono 902 43 44 43. O prezo das entradas é de 8 € venda anticipada e de 10 € en taquilla.