publicidade hoxe

Os Mighty Calacas presentan o seu primeiro disco, “Hot pelucho sounds”, en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalSantiago de Compostela
A-
A+

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou no Teatro Principal, como aperitivo das Festas da Ascensión, o concerto que os Mighty Calacas ofrecerá no martes 7 de maio, ás 20:30 horas, na Sala Capitol, incluído no ciclo Blues Nite. A nova banda do compostelán Marcos Coll presetará Hot pelucho sounds, o seu primeiro disco. Os integrantes dos Mighty Calacas, Emiliano Juárez, Zoar Miranda e Fernando Ruvel, ademais do propio Marcos Coll estiveron na rolda de presentación deste concerto. Abrirán o concerto The Lákazans, banda principalmente de versións que conseguen levar a un terreo moi persoal. As entradas están á venda a 10 euros anticipada, 12 euros na billeteira do Teatro Principal, entradas.novagaliciabanco.es, 902 434 443, A Reixa Tenda e www.salacapitol.com.

Hot pelucho sounds foi presentado en México e en Europa e agora chega a Santiago da man de Marcos Coll, un dos músicos composteláns con máis proxección internacional. Un disco gravado dacabalo de México e Berlín no que se mesturan 13 cortes con sons latinos, cumbia, sons tradicionais mexicanos cunha sólida base de blues, funk, surf e groove. 100% toloache mexicano, a música da banda reflicte a “festa e vacilón” das mentes dos seus integrantes.

Unha nova formación de vellos coñecidos que teñen unha ampla bagaxe musical que atravesa todo o Océano Atlántico alimentándose dunha combinación de diferentes estilos. Catro músicos espectaculares que converxen nunha mestura de ritmos eclécticos: cumbias e pinceladas latinas en grao sumo bailable; ondas de surf ou funk nalgúns dos seus temas, groove…, sen esquecer a súa sólida base de blues na que o santiagués Marcos Coll é o seu máximo expoñente e unha referencia a nivel mundial.

As súas experiencias individuais converxen nun proxecto que abarca diferentes xéneros e na que nos mostran o mellor da música e cultura tradicional mexicana chea de picarescas situacións e sons cotiáns. Os Mighty Calacas aderezan a súa música coa salsa das enchiladas verdes e gran humor. Con moito enxeño sobre o escenario, transmiten unha linguaxe tamén moi visual e teatral toda a autenticidade dos xéneros musicais que representan.

The Lákazans, que abrirá o concerto, é unha banda formada no transcurso do ano 2012. As súas influencias van dende o blues mais clásico de artistas como Howlin Wolf, Muddy Waters, Hound Dog Taylor ata o soul de Aretha Franklin, Etta James ou Sam Cooke, pasando polo country de Johnny Cash. Sen esquecer aos grandes clásicos do rock e o rock and roll como Bob Dylan, Rolling Stones, Elvis Presley ou Neil Young, do que toman prestado o psicodélico “Down by the river”. Outras das súas potentes influencias son dous dos novos talentos do rockabilly e o rock & roll actual, considerados xa clásicos modernos, Imelda May e o tres irmáns que forman Kitty, Daisy & Lewis. A maior parte do seu repertorio está conformado por versións destes artistas que aos poucos se van combinando con temas de colleita propia. Pese ser unha banda principalmente de versións, conseguen levalas a un terreo moi persoal, en parte tamén por ter que adaptar temas a un repertorio totalmente acústico.

6 de maio de 2013 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.