Os menores de “Kero-Kolo” visitan os centros educativos de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

A vintena de nenos/as participantes na actividade ‘Kero-Kolo’, organizada polo departamento de Educación Familiar do Concello de Verín, visitaron ao longo de todo este curso os diferentes centros educativos do municipio, co obxecto de coñecer o seu funcionamento interno dos mesmos.

Durante esta iniciativa os/as menores se desprazaron aos CEIP Amaro Refojo e Princesa de España, colexio María Inmaculada e as aulas de Pazos e Feces de Abaixo pertencentes ao CRA Monterrei. Nestes centros participaron en actividades lúdico-educativas con menores e profesores/as do ciclo de infantil, como fabricación de cestas ou flores de cartolina ou coidado dunha pequena horta. Todo co fin de que os/as nenos/as e proxenitores coñeceran, in situ, as actividades, formación académica e funcionamento que oferta cada un destes centros educativos, aos que accederán os /as seus/súas fillos/as a partir do mes de setembro.

O programa ‘Kero-Kolo’ naceu co obxecto de converterse nun novo espazo de encontro entre pais/nais e unha vintena de nenos/as, de dous a tres anos de idade, onde conxuntamente familia e a persoa directora das sesións crean un espazo encamiñado a relacionarse entre eles, xa que a familia é o primeiro axente de socialización onde os/as nenos/as asentan as bases para unha sólida educación e convivencia con outros iguais. Por este motivo, neste programa teñen lugar unha serie de actividades de interacción e participación entre os/as menores e as familias nas que se desenvolven iniciativas de educación infantil conxuntas e propostas por todos/as os/as participantes, é dicir, unha aula de convivencia que será unha antesala de entrada ao centro educativo e a compartir experiencias cotiás.

30 de maio de 2013 | 11:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.