publicidade hoxe

Os máis pequenos contarán cun amplo abano de actividades nos centros socioculturais da cidade para as mañás de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSantiago de Compostela
A-
A+

A Concellaría de Centros Socioculturais, coa finalidade de ofertar un servizo para o lecer e o tempo libre dos máis pequenos durante as mañás do mes de xullo, facilita en sete localizacións da rede sociocultural, as “mañas de verán e de xogo”. O concelleiro de Centros Socioculturais e Participación Cidadá, Francisco Noya, presentou o programa completo de actividade en rolda de prensa. Un ano máis o programa desenvolverase tanto en centros da zona urbana de Santiago (Vite, Fontiñas, Conxo e Santa Marta) como tamén en locais socioculturais das parroquias (Busto-Nemenzo-Marantes e Gracia-Grixoa-Lamascal). Tamén se colabora novamente coa iniciativa da Asocación de Veciños Nova Xeira de Figueiras, que organiza o Campamento infantil, aberto ás parroquias de Figueiras, Villestro e Laraño. Francisco Noya salientou a importante aposta que o seu departamento fai por dinamizar o rural.

Esta programación matinal de verán pretende dar resposta ás necesidades dos nenos e nenas e das familias e pon á súa disposición un espazo alternativo onde gozar na compaña doutros, aprendendo, compartindo afeccións e mesmo descubrindo novas habilidades, a través de actividades predeportivas, de expresión corporal, movemento e teatro, xogos de exterior, manualidades, saídas e visitas naturais, obradoiros de reciclaxe, ecoloxía.

As mañás de verán e de xogo representan unha proposta de lecer no tempo libre, promovida pola Concellaría de Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela, coa finalidade de traballar entorno aos valores cívicos de igualdade, de respecto pola natureza, de participación e de traballo en grupo.

O programa propón unha variedade de temáticas como o teatro, a historia das civilizacións, o movemento, a plástica, o deporte para atraer aos máis novos e convidalos a gozar das mañás do mes de xullo na compaña doutros rapaces.

A proposta facilita un total de 205 prazas e forma parte do programa Vive o Verán 2013, que se presentará proximamente.

O programa divídese en mañás de verán, pensadas para nenos nados entre o 2001 e o 2008 e mañás de xogo, para os rapaces de 4 a 12 anos.

Poderase participar tanto o mes completo como por semanas. O prazo para a preinscrición comeza o luns 27 de maio e remata o día 11 de xuño.

Toda a información necesaria pode consultarse no documento adxunto e en www.santiagosociocultural.org.

24 de maio de 2013 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.