Os maiores de Tomiño conmemoran o Día das Letras Galegas con música de acordeóns e Maios

Maiores na preparación dun dos Maios
O grupo do Programa de Maiores, do departamento de Educación Familiar de Tomiño (Concellaría de Benestar Social), conmemorou o pasado xoves o Día das Letras Galegas, cunha visita ao Centro de Día de Tomiño.
Para a oportunidade, os maiores elaboraron varios cartaces alusivos ás Letras Galegas e relacionados coas obras de Roberto Vidal Bolaño, que utilizaron para decorar a entrada do Centro de Día.
Participaron logo, xunto aos usuarios do centro, nunha actividade de manualidades, na que elaboraron un maio a base de flores silvestres.
Para rematar houbo música de acordeóns e Himno Galego, interpretado polos maiores do programa municipal.
Nos vindeiros días, o grupo viaxará ata Vila de Cruces, para visitar a Neira Vilas, autor da obra “Memorias dun neno labrego”, sobre a que estiveron traballando durante os últimos meses.











