Os coruñeses destacan o bo funcionamento do teléfono de información cidadá 010

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

A responsable municipal de Administración Pública, Rosa Galego, e as concelleiras de Barrio, Carmen Hervada e Susana Pazo, reuníronse cos responsables do Teléfono 010 (Información Cidadá) para avaliar a calidade do servizo durante o ano 2012 e para presentar as conclusións do estudo realizado, o que permite saber o grao de coñecemento dos cidadáns e o seu nivel de satisfacción. En concreto, a valoración xeral, que é moi boa, mellorou con respecto a 2011, o que explica que o 98,6% dos enquisados o recomendaría aos seus coñecidos e a outros posibles usuarios e que o 96,8% dos coruñeses o considera útil.

O Concello elaborou este balance do 010 entre os meses de febreiro e marzo deste ano a partir de 1.535 enquisas entre os cidadáns para constatar o alcance do 010 en termos de coñecemento e uso e a través de 1.001 enquisas realizadas a usuarios do servizo para avaliar a súa calidade.

Os resultados do estudo son concluíntes, pois o 73,4% dos enquisados coñece o número de atención 010, o que supón un 4,3% máis que en 2011 e case un 15% se se compara con 2010. Neste sentido, os cidadáns coñeceron a existencia do servizo sobre todo a través doutros usuarios -no 43,6% dos casos-, o que evidencia que os coruñeses están satisfeitos co 010. Ademais, cada vez existe un maior número de persoas que coñece o teléfono de cabeceira para chamadas de fóra da Coruña (981 920 010).

O tenente de alcalde Rosa Galega destaca que o Concello seguirá traballando para manter a calidade do servizo e para ofrecer aos cidadáns unha mellor atención. O estudo conclúe que o 96,8% dos coruñeses considera útil o teléfono de atención cidadá, que sete de cada dez usuarios asegura que é mellor do que esperaba (o 69,8% dos enquisados, fronte ao 51,1% de 2011) e que o 98,6% o recomendaría a outros usuarios.

O informe tamén reflicte que o mellor valorado é o trato recibido, a capacidade da información e a duración da chamada, aínda que en todos os parámetros se superan os catro puntos -a puntuación máxima é cinco-. Así, en canto á valoración de atributos do servizo, a media xeral é moi boa e mesmo superior á de 2011, ao pasar de 4,5 a 4,6 puntos. Esta circunstancia explica que o 99,6% dos usuarios enquisados cualifiquen como bo ou moi bo o trato recibido, unha porcentaxe que se mantén en niveis similares no resto de cuestións analizadas, como o 97,2% en canto á calidade da información, o 95,8% en duración da chamada ou o 94,8% no que se refire á capacidade de xestión.

Entre as principais consultas realizadas polos usuarios destacan a guía da cidade, a recollida dos residuos voluminosos e o directorio de teléfonos. O número de información do Concello da Coruña está a disposición dos cidadáns de luns a venres, de 08.00 a 20.30 horas, e os sábados, de 09.00 a 14.00 horas.

18 de maio de 2013 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.