Os concellos do Ortegal únense para optar á axuda para desenvolver un programa integrado de emprego
Os concellos de Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira concorrerán conxuntamente á convocatoria de subvencións da Consellería de Traballo para poñer en marcha na bisbarra un proxecto integrado de emprego. O proxecto “Ortegal emprega” que, en caso de concederse, executaría o Concello de Ortigueira, concíbese coa intención de impulsar a inserción laboral de 60 desempregados, especialmente mulleres.
A agrupación de municipios de Ortegal aspira a conseguir o respaldo económico do departamento autonómico de Beatriz Mato para activar este novo programa, destinado a informar, formar e orientar un bo número de parados da zona. Deste modo, trataríase de potenciar, mediante cursos, accións de orientación laboral e un contacto directo coas empresas para coñecer as súas necesidades, as posibilidades para acceder ao mercado de traballo dos que participen na iniciativa.
“Ortegal emprega” estaría dirixido “preferentemente” a mulleres en busca do seu primeiro emprego e a veciñas perceptoras de subsidios ou prestacións, ademais da outros colectivos con especiais dificultades de inserción como os parados de longa duración. O reto, lograr a entrada no mercado de traballo de polo menos un 35% das persoas participantes.
A posta en marcha do programa esixiría colaboración económica por parte dos distintos concellos (o 20% dos ao redor de 180.000 euros que constitúen de presuposto total). A cota a achegar e a cota de beneficiarios que terá cada localidade determinarase en función do seu número de desempregados. Polo tanto, Ortigueira sería o que máis tería que achega e máis usuarios incluiría no programa, en tanto que Mañón e Cerdido serían os que menos.
A alianza intermunicipal, resultado da aposta dos rexedores/ás Purificación Seixido, Ana Rodríguez, Alfonso Balseiro e Rafael Girón pola adopción de políticas activas de emprego, formulouse ante a imposibilidade de acceder en solitario a estas axudas, dado que, afortunadamente, ningún dos catro municipios alcanza na actualidade a cifra de 500 desempregados que a Xunta de Galicia establece como requisito aos concellos para poder acceder a esta liña de axudas.











