Os concellos do Ortegal ultiman unha ordenanza común para regular as sacas de madeira
O norte da provincia da Coruña é nestes momentos un dos lugares de Galicia onde máis montes se están cortando. A crise e o alto prezo da madeira están detrás da frenética actividade forestal que se vive nos últimos anos. Unha actividade que lles permite a moitas familias seguir adiante grazas á hucha que teñen no monte pero que, pola contra, lle supón importantes perdas económicas aos concellos en concepto de reparación de pistas e estradas.
Para atallar o problema, os municipios de Neda, San Sadurniño, Cerdido, As Somozas, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón levan varios meses traballando nun texto que regule de forma unitaria en todos estes concellos a actividade extractiva. O obxectivo é reducir o impacto das sacas de madeira no dominio público, sobre todo nas vías municipais.
A última xuntanza para consensuar o articulado mantívose este mércores en Cerdido e, segundo informou o alcalde de San Sadurniño, o documento está pendente de pequenos cambios na redacción que se farán efectivos antes da próxima reunión intermunicipal, prevista para dentro de dúas semanas.
A grandes trazos a ordenanza define a obrigatoriedade de identificar en cada caso a empresa madeireira que opera no monte e en que lugares concretos. A idea é que as empresas encargadas da tala e transporte constitúan un aval que se executaría no caso de que se producisen desperfectos en bens públicos. Non se trata de crear unha taxa ou gravame sobre a corta da madeira, senón dunha garantía económica que se lle volvería á empresa forestal se non hai danos en pistas ou cunetas de titulariedade municipal.
Xunto co aval, a ordenanza tamén establecerá un rexime de sancións para o caso do incumprimento da normativa. Queda por saber como se vai controlar e verificar o cumprimento da ordenanza. Algo que teñen doado os concellos con policía municipal -Neda, Ortigueira, Cariño e Cedeira-, pero que se lles complica aos máis pequenos. Estanse estudando fórmulas de cooperación entre uns e outros que aseguren tanto unha regulación unificada como a posta en marcha de medios de control efectivos.
En calquera caso, antes de aplicarse a ordenanza terá que alcanzar o consenso de todos os Concellos e obter despois o refrendo plenario en cada un deles. Posteriormente -tamén en cada Concello- haberá un periodo de exposición pública que se iniciará coa publicación do texto no BOP. Sen non se producen alegacións no prazo sinalado a norma entrará en vigor.