Os concellos de Ares e Mugardos celebran un ano máis o tradicional “Voto de Chanteiro” en torno á ermida da Mercé
Os Concellos de Ares e Mugardos colaboran un ano máis, a través das súas respectivas áreas de Cultura e Deportes, no Voto de Chanteiro, unha romaría que se celebrará mañá martes 21 de maio e que congrega a centos de persoas chegadas de diferentes puntos da comarca en torno á ermida da Mercé.
Deste xeito, fletaranse autobuses que sairán dos dous municipios. No caso de Ares, os autobuses sairán ás 10.30 horas da praza do Pedregal e pararán en Pezoas, Seselle, Porta do Sol, Lubre, Cervás e Chanteiro.
A misa comezará ás doce do mediodía e, unha vez rematado o oficio relixioso, a Banda de Gaitas levará a cabo unha actuación mentres se procede ao reparto de empanadas e bebidas entre os asistentes.
Os autobuses realizarán ás 13.30 horas a primeira viaxe de regreso, facendo o percorrido Chanteiro, Ares e Mugardos, mentres que a derradeira será ás sete da tarde, co mesmo itinerario.
A Banda de Gaitas Ría de Ares actuará de novo pola tarde, en torno ás cinco.