Os CEIP de Ferrol elixiron as actividades extraescolares para o curso escolar 2013-2014
A concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, informou hoxe da relación de actividades extraescolares elixidas polos dez Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do Concello de Ferrol para o Programa Educativo municipal do vindeiro curso académico 2013-2014. Estas propostas educativas desenvolveranse, de luns a venres, en forma de cursos e obradoiros fora do horario escolar.
O programa de actividades extraescolares 2013-2014 que impartirán cada un dos dez CEIP do termo municipal é o seguinte:
– O CEIP A Laxe escolleu tres actividades -patinaxe, capoeira e manualidades- ás que adicarán 6 horas por semana.
– Un total de 22 horas semanais ocuparán os once obradoiros do CEIP Cruceiro de Canido con dous grupos de informática e internet, baile moderno, patinaxe e fútbol. Ademais dun grupo de xardíns e semilleiros escolares, ximnasia rítmica e judo.
– Os sete cursos (14 horas por semana) elixidos polo CEIP Esteiro son o obradoiro de manualidades; guitarra; kárate; debuxo e pintura; informática e internet; ademais de dous grupos de patinaxe.
– O centro educativo Isaac Peral elixiu once actividades extraescolares para os seus alumnos/as, adicando 22 horas á semana a elas. Patinaxe, manualidades, baile moderno, iniciación á música, guitarra, chinés, xogos cooperativos e tradicionais, ximnasia rítmica; ademais de dous grupos para o obradoiro de informática e internet.
– O CEIP Juan de Lángara conta para o vindeiro curso académico con sete actividades extraescolares (14 horas semanais): patinaxe, baile moderno, debuxo e pintura, manualidades, fútbol, baloncesto e xardíns e semilleiros escolares.
– Baile moderno, baloncesto, xogos cooperativos e tradicionais, capoeira, e dous grupos de patinaxe son os seis obradoiros escollidos polo CEIP Manuel Masdías. O centro educativo adicará 12 horas semanais a estas actividades fora do horario escolar.
– Os tres cursos (6 horas á semana) escollidos polo CEIP Pazos son kárate, ximnasia rítmica e dous grupos de baloncesto.
– Un total de 16 horas semanais adicará o centro educativo Ponzos ás oito actividades extraescolares programadas para o vindeiro curso académico 2013-2014. Baile moderno, debuxo e pintura, fútbol, ximnasia rítmica, informática e internet, manualidades, xogos cooperativos e tradicionais, e patinaxe son as elixidas por este centro.
– O CEIP Recimil escolleu once cursos para que os alumnos/as realicen actividades fora do horario escolar. Fútbol, manualidades, patinaxe, creatividade, capoeira, xogos de mesa, chinés, informática e internet, teatro, e dous grupos de baile moderno ocuparán 22 horas semanais.
– Un grupo de patinaxe, capoeira, baloncesto, baile moderno, percusión tradicional e dous grupos de fútbol compoñen as sete actividades extraescolares (14 horas semanais) dos alumnos/as do CEIP San Xoán de Filgueira.
As propostas educativas do programa de actividades extraescolares para o vindeiro curso académico 2013-2014 ofertado pola Concellería de Educación ascenderon a un total de 32, mentres que no anterior curso académico a oferta estaba composta por dezasete obradoiros. Esta oferta desenvolverase en forma de cursos e obradoiros fora do horario escolar, e de luns a venres. O programa municipal de educación, por tratarse de obradoiros de apoio ao ensino formal impartido dende os CEIP, terá un horario en quenda de tarde de luns a venres. O tempo que dedicará cada grupo de alumnos/as á actividade será de dúas horas semanais, dende outubro de 2013 a maio de 2014.











