Os 400 alumnos das escolas deportivas, culturais e educativas de Carral rematan o curso
O alcalde pechará o curso 2012-2013 das escolas deportivas, culturais e educativas municipais, nun acto no que os participantes das diferentes disciplinas terán ocasión de facer exhibicións e mostras do aprendido e practicado durante os últimos 8 meses.
A clausura terá lugar o sábado 1 de xuño no Espiño, a partir das 17 h, e na que os 400 alumnos e alumnas e os seus acompañantes gozarán de exhibicións como as de Ximnasia Rítmica ou Patinaxe, e na que recibirán os seus diplomas e algún obsequios.
O curso que remata contou cunhas vinte escolas, desde informática ata ximnasia de mantemento, pasando por tapices ou judo entre outras modalidades, e espalladas por diferentes puntos do municipio.
A escola de fotografía exporá o seu traballo no mes de xullo, na sala de exposicións do Edificio Toñito Espiñeira, mentres que a escola de Teares e Tapices apraza a súa mostra ao outono, na que presentará traballos realizados nos últimos anos.
As exhibicións que se presentarán no pavillón do Espiño serán das escola deportivas. Así, están previstas intervencións dos grupos de judo, ximnasia rítmica, patinaxe e fútbol. Esta última escola estenderá o seu remate de curso ao sábado 8 de xuño cuns partidos entre pais e fillos e un xantar no campo dos Capelos. Nesta actividade colabora a Unión Deportiva Carral.
Para o acto de clausura o Concello de Carral conta coa colaboración de Coca Cola e de Bimbo, que achegan refrescos e pasteis para todos os participantes das escolas. A Deputación Provincial da Coruña é tamén un colaborador importante, que subvenciona parte dos custos deste programa.
O alcalde, José Luís Fernández Mouriño, máximo responsable do programa, móstrase satisfeito de como transcorreu este curso que xa conclúe, e agarda que os índices de participación se poidan igualar, polo menos, no próximo ano. Para Fernández Mouriño, o programa das Escolas Municipais é un dos máis importantes, tanto polo número de beneficiarios, como polo tempo que ocupa no calendario anual de actividades, ademais do grande esforzo económico que supón manter os niveis de calidade e participación que se están a conseguir.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral ou no teléfono 981 672580.