Oroso entrega os diplomas do curso de español para inmigrantes

Participantes no curso de español
O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, fixo entrega esta mañá dos diplomas do “Curso de español para inmigrantes”, celebrado dende o mes de xaneiro e que remata as súas sesións mañá venres 31 de maio. Un curso singular xa que foi impartido por unha voluntaria, pertencente ao programa Voluntariado Oroso, e que contou cunha ducia de alumnos e alumnas de diversas nacionalidades que melloraron as súas destrezas en lectura e escritura de español.
Antonio Leira felicitou a todos os alumnos polo seu esforzo ao longo das 47 sesións e sinalou que, diante do éxito de participación acadado, non descarta a posibilidade de volver a realizar de novo este curso ou mesmo ofrecer unha continuación do mesmo ao colectivo inmigrante residente en Oroso. Leira Piñeiro puxo este curso como exemplo do que se pode conseguir a través do programa de voluntariado, que tamén está permitindo o funcionamento do roupeiro municipal.