Oroso e a Gardería da Ulloa poñen en marcha unha campaña de recollida de roupa e alimentos
O Concello de Oroso e a gardería de A Ulloa iniciaron hoxe unha campaña de recollida de roupa e de alimentos para as familias máis necesitadas do municipio. Así, durante os próximos quince días todos os veciños e veciñas que desexen colaborar con esta iniciativa solidaria poderán entregar as súas achegas tanto nas instalacións da escola infantil como no Departamento de Servizos Sociais de Oroso.
Os Servizos Sociais serán os encargados de repartir os alimentos entre as familias máis necesitadas do municipio orosán, mentres que as prendas recollidas serán levadas ao Roupeiro Municipal, a onde poden acudir aquelas familias que o precisen. Un servizo que está activo dende hai unhas semanas grazas á colaboración dos voluntarios participantes no programa Voluntariado Oroso. O roupeiro está situado na rúa do Portiño, aínda que para acceder a el é preciso contactar ben co Departamento de Servizos Sociais, ben coa responsable do programa Voluntariado Oroso no centro cultural de Sigüeiro.
Roupeiro municipal
O concelleiro de Voluntariado, Antonio Leira, explica que “nestes momentos temos un grupo de voluntarios que se encargan de que o Roupeiro Municipal estea activo, pero tamén temos outras persoas que fan acompañamentos, outro voluntario que ensina a nosa lingua aos inmigrantes…. nós estamos sempre a escoitar as ideas dos veciños que se apuntan nesta iniciativa, que permite que todos colaboremos no desenvolvemento da nosa veciñanza”.
Os veciños e veciñas que desexen participar neste programa de voluntariado só teñen que dirixirse ao centro cultural Fernando Casas e Novoa, chamar ao 981 69 09 03 ou dirixirse á orientadora laboral. O único requisito para participar é ser maior de idade, xa que non é preciso ningún tipo de experiencia previa.