Oroso agradece a colaboración veciñal na campaña de recollida de roupa e alimentos para familias necesitadas
A campaña de recollida de roupa e de alimentos para as familias máis necesitadas do municipio, organizada polo Concello de Oroso e pola gardería de A Ulloa durante a primeira quincena do mes de maio, resultou todo un éxito. O concelleiro de Voluntariado, Antonio Leira, agradece “a gran participación amosada polos veciños e veciñas de Oroso xa que os resultados son moi positivos e estamos gratamente sorprendidos pois, a pesar da crise económica, a responsabilidade amosada pola nosa veciñanza merece un sobresaínte”.
A directora da gardería municipal orosá, María Vázquez, confirma que “as maiores achegas foron de roupa e de calzado”. Incluso sinala que “chegamos a ter tal cantidade de roupa na gardería que tivemos que levar xa a gran maioría dela ao roupeiro municipal porque non tiñamos case espazo”.
Un roupeiro municipal a onde poden acudir aquelas persoas que o precisen e que está activo grazas á colaboración de varios voluntarios que participan no programa Voluntariado Oroso. este roupeiro está situado na rúa do Portiño e para acceder a el é preciso contactar co Departamento de Servizos Sociais ou coa responsable do programa Voluntariado Oroso (no centro cultural de Sigüeiro).
Antonio Leira confirma que “diante do gran éxito desta campaña, non descartamos trasladar esta iniciativa a outros centros educativos do municipio”. Así mesmo, destaca os bos resultados que está a dar o programa de voluntariado, que este luns 20 de maio será presentado aos alumnos e alumnas do IES Oroso a través da iniciativa “Tic tac town”.