Oroso abre o prazo de inscrición nos programas de conciliación familiar “Bos días cole” e “Bo proveito” para o curso 2013/14

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

O Concello de Oroso abriu o prazo de inscrición en dous dos seus programas de conciliación familiar para o curso 2013/2014: “Bos Días Cole”, un servizo de gardería e almorzo dirixido a rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos de idade que terá lugar no CEIP de Sigüeiro entre as 7:30 horas e o inicio das clases; e “Bo Proveito”, un servizo de comedor escolar para rapaces escolarizados en Oroso. O prazo de inscrición estará aberto no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro ata o vindeiro 11 de xuño (“Bos Días Cole”) e 14 de xuño (“Bo Proveito”).

O programa “Bos días cole” é unha iniciativa coa que o Concello de Oroso busca facilitarlles aos pais e nais do municipio a conciliación da vida laboral e familiar, xa que lles permite deixar aos cativos nas instalacións do CEIP de Sigüeiro dende as 7:30 horas ata o comezo das clases. Uns pequenos que pasan esas horas da mañá con obradoiros de manualidades, talleres de lectura de contos e diversos xogos.

“O servizo adáptase ás necesidades reais dos pais”, explica o concelleiro de Familia e Ensino, Antonio Leira, “xa que poden elixir tanto a hora á que deixan aos pequenos como os días que empregan este servizo, ou mesmo deixalos ocasionalmente”. Así, o Concello de Oroso, coa colaboración da Deputación da Coruña, ofrece diversas alternativas aos pais e nais do municipio para que poidan iniciar a súa xornada laboral coa tranquilidade de que os seus fillos quedan ben atendidos ata a hora do inicio das clases.

“Bo Proveito”

Así mesmo, o Concello de Oroso abriu o prazo de preinscrición no programa “Bo Proveito”, un servizo de comedor escolar posto en marcha polo Concello de Oroso en outubro de 2011 para resolver as carencias existentes no CEIP de Oroso, que só dispón de 184 prazas de comedor fronte aos máis de 580 nenos escolarizados (dos que máis de douscentos proceden de fóra de Sigüeiro).

Deste xeito, o Concello de Oroso mantén por terceiro ano consecutivo o seu compromiso coas familias orosáns de manter este servizo mentres non estivese construído o novo colexio, cuxas obras veñen de comezar. O programa “Bo Proveito” ofrece un servizo tanto mensual como semanal ou por días soltos, con descontos por irmáns e familias numerosas. O comedor escolar desenvolverase no salón de usos múltiples do centro deportivo municipal de Sigüeiro, ao cal os rapaces acceden directamente dende o propio centro escolar e onde son recollidos polos seus familiares sen que teñan que atravesar ningunha vía pública.

23 de maio de 2013 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.