Ordes publica unha nova guía visual que amosa os principais puntos de interés turístico do municipio
O Concello de Ordes acaba de publicar unha nova guía de turismo rural coa que pretende dar a coñecer, entre outros aspectos, a súa riqueza cultural, artística e paisaxística. Trátase dun amplo desplegable en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Destaca polo seu marcado carácter que facilita que veciños e visitantes poidan acceder directamente á información básica do municipio. Isto é superficie, ubicación, número de habitantes, parroquias, distancias con outras vilas e cidades, etc.
A través dun mapa de fácil lectura calquera persoa pode organizarse un itinerario tanto pola vila como polo seu ámbito rural. Un percorrido que pasa por igrexas, ermidas, encoros, aldeas, monumentos e restos arqueolóxicos, pazos, casas e residencias de turismo rural, áreas recreativas e de esparcemento en medio da natureza, museos, fervenzas e, como non, rutas de sendeirismo así como o Camiño Inglés. Tamén se especifican as principais redes de comunicación das que se dispoñen para poder chegar ata Ordes. Dende os distintos tipos de estradas ou autoestradas ata as redes ferroviarias. Ademais tamén se ofrece un pequeno listado cos números telefónicos de maior interés, como poden ser os da Policía Local ou os do Concello. O desplegable tamén amosa unha guía con todas as rúas englobadas dentro do casco urbán de Ordes, nas que tamén aparecen outras zonas de interés como poden ser o parque empresarial de Merelle ou mesmamente o núcleo poboacional do Mesón do Vento.
En consonancia coas novas formas de comunicación e das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías o documento conta cun código QR, o que posibilita a súa descarga a través do móbil en cuestión de segundos. Ademais disto tamén se pode consultar ou descargar a través da páxina web do Concello (www.concellodeordes.com). Non obstante a guía xa se está a difundir polas principais oficinas e puntos de interés turístico da nosa Comunidade. As numerosas fotografías que presenta posibilitan que en cuestión de poucos segundos calquera se faga cunha idea xeral do que o Concello de Ordes é capaz de ofrecer: Cultura urbana, natureza, citas gastronómicas e multisectoriais, trazados históricos, museos, etc.
“Con esta guía pretendemos convidar á xente doutros lugares a que se anime a vir a visitarnos e a coñecer todas as cousas que ten Ordes. Tamén pretendemos contribuir para que a xente de aquí coñeza rincóns, paraxes e espazos dos que secadra non sabían, facendo con todo elo que o noso municipio ocupe o lugar que merece no consciente colectivo”, asegura Manuel Regos, alcalde de Ordes. “Unha promoción que vai da man da que tamén se ofrece dende a recentemente estreada páxina web da Mancomunidade de Ordes (www.mancomunidadeordes.org). Un portal orientado especialmente á promoción turística da nosa comarca e dende a que tamén se ofrece toda a información relevante para aqueles que queran visitarnos ou estar informados do que acontece nos sete concellos que a conforman”, puntualiza o tamén presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.