Ordes acollerá un seminario no que se abordará o cooperativismo como método de inserción laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrdes
A-
A+

Os vindeiros 28 e 29 de maio Ordes acollerá un seminario no que a fórmula do cooperativismo como alternativa á inserción laboral será o seu eixe central. Unha cita desenvolvida pola Unión de Cooperativas Galegas de Traballo Asociado (UGACOTA), en colaboración coa Oficina do Fomento ao Cooperativismo da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Unha convocatoria na que poderán participar todos os interesados de xeito totalmente gratuito. Basta con inscribirse ata o próximo venres nas oficinas que a Mancomunidade de Ordes ten instaladas nos baixos da Alameda, chamar ao teléfono 981 680002, ou ben a través do correo electrónico manuel.pena@ordes.dicoruna.es .

Entre os obxetivos deste seminario destacan o achegamento do modelo cooperativo e as súas fórmulas xurídicas á cidadanía, sobre todo a aquelas persoas en situación de desemprego, ademais de realizarse unha análise das potencialidades de cada zona. En total serán dúas sesións de 5 horas cada unha que darán comenzo a partir das 10 horas. Durante o primeiro día as ponencias versarán sobre a fórmula do cooperativismo como alternativa de autoemprego, mentres que o martes o tema principal serán as ideas, as persoas e o emprendemento colectivo.

Esta iniciativa englóbase dentro do programa Coopera+, no que tamén participa a Consellería de Traballo, tendo como ámbito de actuación non soamente o territorio galego senón tamén o norte de Portugal. Nel poden participar todos aqueles municipios ou mancomunidades que, como no caso de Ordes, conten cunha oficina de cooperativismo.

21 de maio de 2013 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.