Operación Ordes celebrará este próximo xoves a súa gran final no auditorio da Casa da Cultura
Este próximo xoves a partir das 11 horas o escenario da Casa da Cultura do Concello de Ordes acollerá a gran final do concurso musical ‘Operación Ordes’. Unha cita na que participarán un total de 13 formacións musicais compostas por máis de 50 alumnos e alumnas entre os 8 e os 18 anos matriculados en centros de ensino englobados na circunscrición do IES Nº 1. Todos eles interpretarán temas cantados en galego, requisito indispensable para poder participar nesta convocatoria, tal e como precisou o quipo de normalización lingüística o IES Nº1 de Ordes e auténtico promotor da idea.
Todos eles deberán de dar o mellor de sí ante un xurado composto por auténticos profesionais do mundo da música como Mero, do dúo Mini e Mero e antigo integrante de Fuxan os ventos; Xosé Bocixa, vocalista de Zënzar; Anxo Sánchez, baixista de grupos como Mamá Cabra ou Machina; Olga Raíces, soprano e profesora de Educación musical e Paula Castenda, membro da Banda de Música de Ordes e do grupo Axóuxeres. Ademais a televisiva Tania Veiras estará presente na clausura do acto, previsto para as 13.30 horas, interpretando en directo un par de temas.
Tanto os gañadores da primeira categoría, de primaria a 2º da ESO, como os da segunda, de 3º da ESO en adiante, recibirán de premio un cheque regalo de doado pola Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) de 200, 100 e 50 euros respectivamente.











