Oleiros acondiciona os areais do municipio ante a chegada do período estival
O Concello de Oleiros informa de que comezaron os traballos de axeitamento dos areais do Concello como paso previo ao inicio da tempada de limpeza diaria de areais, que comeza o próximo día 1 de xuño. Nestes momentos estanse a acondicionar as praias de Santa Cristina, Bastiagueiro, Santa Cruz, Naval, Mera, Penatouro e Espiñeiro.
Os traballos consisten no movemento de area, nivelación dos noiros e foxos que puidesen existir, así como a preparación dos accesos, eliminando os desniveis creados pola acción climatolóxica durante o inverno por arrastres de area. Unha vez finalizados estes traballos preliminares, o luns día 3 procederase á colocación dos contedores para residuos no interior dos areais, que tamén serán baleirados diariamente.
A partir do día 15 de xuño, que é a data de inicio de tempada oficial de baño, contarase cos servizos de Socorrismo, duchas e lavapés, casetas de xeados e inodoros químicos. Como sempre, nas praias de Bandeira Azul, todos estes servizos e instalacións contan con adaptación para persoas con mobilidade reducida. Nesta data instalaranse os contedores de residuos nas calas de Canide, Portelo, Santa Ana e Canabal e comezarase coa súa limpeza periódica.
Así mesmo, o día 26 de xuño instalaranse as pasarelas de madeira sobre os areais de bandeira azul. A tempada oficial de praias rematará o día 15 de setembro, pero a limpeza diaria dos areais alongarase ata o 30 dese mes.