O Tribunal de Contas avala a legalidade do pago das axudas sociais, pluses de festividade e nocturnidade previstos no acordo regulador
“Os pagos derivados da execución dun convenio colectivo válido e eficaz non poden ser declarados ilegais e indebidos, nin poden derivar responsabilidade contable, ao realizarse ao amparo dun título legal”. Así o recolle o auto do Tribunal de Contas que chegou esta mañá ao Concello de Ourense, en relación á denuncia do interventor municipal sobre a existencia de indicios de responsabilidade contable en relación coa aplicación do Acordo Regulador das condicións de traballo a determinados pluses de festividade, nocturnidade e axudas sociais.
Nesta mesma liña, o alcalde, Agustín Fernández, manifestara que os pagos obxecto destas actuacións, aboados pola Corporación, constitúen a contraprestación polos traballos realizados, e que os pagos ordeados pola Alcaldía debían considerarse como pagos debidos e obrigatorios, en canto se dictaron en aplicación dun acordo plenario válido e eficaz.
Os conceptos retributivos abonados aos empregados públicos do Concello de Ourense e do Consello Municipal de Deportes non poden ser declarados ilegais e indebidos polo Tribunal de Contas, “e non poden xerar responsabilidade contable ao ter sido realizados ao amparo dun título legal”.
No auto, o Tribunal de Contas resolve archivar as dilixencias, xa que “do actuado non se aprecia a existencia de prexuízos patentes e económicamente cuantificables de xeito concreto nos fondos públicos do Concello de Ourense, atribuíbles a persoas individualizadas e ocasionado directamente por dolo, culpa ou neglixencia graves, que puideran xustificar a iniciación dun procedemento xurisdiccional, para investigar e dirimir unha teórica responsabilidade de carácter contable”.
O arquivo das dilixencias aprobase en sintonía coas conclusións tanto do Ministerio Fiscal, como a Avogacía do Estado e a xurisprudencia do Tribunal Supremo.
Aprobado polo Pleno de xaneiro
O Acordo Regulador foi suscrito cos representantes sindicais, e aprobado polo Pleno do Concello de Ourense en sesión ordinaria de 4 de xaneiro de 2013, e entrou en vigor con efectos retroactivos o 1 de xaneiro de 2012.
As axudas cuestionadas, que se viñan librando no Concello de Ourense dende 1991, motivaron neste exercicio un informe en contra de Intervención. O informe, que se trasladou ao Tribunal de Contas, advertía que a aplicación dos artigos 22 a 25 que regulan os pluses, e dos artigos 27 a 42 que regulan as denominadas axudas sociais, poderían dar lugar a responsabilidade contable por alcance de fondos públicos a cargo do goberno municipal.