publicidade hoxe

O Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Oleiros desenvolve un proxecto experimental de musicoterapia e expresión corporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOleiros
A-
A+

Baixo o título Identidade Sonora, o Concello de Oleiros un innovador proxecto de expresión corporal e musicoterapia que se puxo en marcha desde a Concellería de Servizos Sociais no Servizo de Axuda no Fogar municipal. O obxectivo deste proxecto, pioneiro e novidoso como ferramenta terapéutica neste tipo de servizos, ten como obxectivo traballar coas persoas usuarias que sofren problemas emocionais ou disfuncións cognitivas para mellorar o seu estado, paliar sentimentos de soidade e illamento que poidan sufrir e mellorar e propiciar a comunicación co exterior.

O pasado mes de abril empezou a formación de 15 auxiliares do servizo de axuda no fogar do Concello de Oleiros que as capacitará para desenvolver terapias personalizadas co fin de mellorar a saúde emocional a través do traballo corporal. Esta formación é impartida por unha musicoterapeuta experta na materia, así como pola psicóloga do Departamento de Servizos Sociais.

Unha vez desenvoltas tres das sete sesións previstas os resultados están a ser moi satisfactorios, tanto no que se refire á resposta por parte do persoal, como das persoas usuarias do servizo. Xa se está empezando a traballar e a aplicar os coñecementos adquiridos coas melodías principalmente de pasodobres e música popular galega, a preferida dos maiores.

A música é unha ferramenta moi útil para conseguir melloras no plano psicoafectivo que é utilizada en numerosos dispositivos terapéuticos, normalmente en centros, pero moi rara vez nos propios domicilios dos usuarios e usuarias e menos en servizos públicos, de aí o carácter novidoso desta aposta por mellorar as atencións e servizos que reciben as persoas usuarias de axuda no fogar no Concello de Oleiros.

9 de maio de 2013 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.