O Programa das Letras propón citas relacionadas coa lectura, o teatro, a música, a pintura, o deporte ou a gastronomía

Presentación do programa
Carballo celebra o Día das Letras a través dun programa de actividades que transcorre entre o 10 e o 26 de maio e que se centra nunha serie de citas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura, pero que tamén propón citas teatrais, musicais, gastronómicas, deportivas ou artísticas. O Programa das Letras 2013 está organizado pola Concellaría de Cultura, aínda que tamén conta coa colaboración das asociacións culturais do municipio, que contribúen coa celebración de diversos actos, e de organismos como a Deputación provincial. Como cada ano, o momento máis esperado é o maratón “As letras en voces”, o venres 17 de maio no Xardín Municipal (se chove, no segundo andar do Mercado Municipal) de 11.00 a 13.30 horas. Trátase dunha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que calquera que queira participar le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o dramaturgo santiagués Roberto Vidal Bolaño. Como novidade desta edición, os alumnos e alumnas da Aula Municipal de Teatro realizarán unha lectura dramatizada de textos da obra “Criaturas” do propio Vidal Bolaño. Os interesados e interesadas en reservar horario para ler no maratón un texto de calquera dos autores homenaxeados, poden facelo no Pazo da Cultura ou no teléfono 981 704 300; e no fax 981 704 302.
O maratón “As letras en voces” estará amenizado, así mesmo, por varias actuacións musicais. A apertura corre a cargo da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, mentres que o peche, ás 14.00 horas, é para o Concerto das Letras da Banda Municipal de Música de Carballo. Ademais, ás 12.30 horas e da man do Casino de Carballo, coa colaboración do Concello e a Deputación está prevista a actuación de baile e música tradicional da Asociación Cultural A Marola, de Oleiros. Ademais, a Praza do Concello acolle o XXXIV Concurso Infantil de Pintura Luís Calvo, organizado pola AC Lumieira. Por último, os máis cativos e cativas teñen un espectáculo de contacontos na Ludoteca ás 12.00 horas con Titereficciós e “Cantos, contos, contas”, dirixido a nenos e nenas de 3 a 7 anos. Pero ademais dos actos do día 17, o Día das Letras conta con actividades que principian o venres 10 de maio, como é a cita gastronómica Carballo por Etapas, dedicada á comida galega e na que participan 19 establecementos hostaleiros do centro carballés e que transcorre nas fins de semana do 10 ao 12 e do 17 ao 19 de maio. Nos seus primeiros tres días está dedicada ao Atún Calvo e aos produtos da horta; na segunda fin de semana, está dedicada á cociña pondaliana.
O luns 13 nenos e nenas dos centros de ensino de Carballo participan en Correlingua, unha carreira lúdico educativa a prol do idioma que ten lugar na Coruña a partir das 11.00 horas. O mesmo día, pero ás 20.30 horas, o Casino acolle a presentación do libro de Carlos Callón “Como falar e escribir en galego con fluidez e corrección”, unha cita organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística. A arte en forma de exposición non podía faltar coa inauguración da mostra de pintura “Sensacións”, de María Luisa Rojo-Novais, o martes 14 de maio. E o mércores 15 celébrase o acto de entreda do IX Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores, que comeza xa ás 18.00 horas coa colocación do Fotocol da campaña”Gústame o galego” no Pazo da Cultura. Porén, o acto propiamente dito principia ás 21.00 horas coa actuación do coñecido humorista, actor, autor e director teatral Carlos Blanco. Recollerá o galardón a gañadora desta edición, a escritora e profesora Mariña Pérez Rei. O xoves é a quenda doutro programa para promocionar a lingua titulado “enCántame! en galego”, unha iniciativa que propón música en galego en directo e que nace cos obxectivos de visibilizar que se fai música na lingua propia e de calidade e de estilos variados. Neste inicio do programa está prevista a actuación dos grupos Ulträqäns, o xoves 16; Balankandra, o venres 17; e Ataque Escampe, o sábado 18 de maio. Os concertos son na Sala A Reserva, con apertura de portas ás 23.00 horas. As entradas teñen un prezo único de 4 € ou un bono para os tres concertos por 9 €.
Citas deportivas, teatrais e musicais para o peche
Ao Programa das Letras súmase o día 17 unha importante cita deportiva, o primeiro Día Autonómico do Pequebasket, unha cita pioneira e non competitiva dirixida a cativos e cativas de entre 4 e 8 anos e que ten como obxectivo que os participantes desfruten dun día lúdico festivo e no que está previsto que participen arredor de 300 nenos e nenas. Así mesmo, esa mesma fin de semana está prevista unha importante cita do Balonmán Feminino. Ademais, o Programa das Letras fúndese co dos Venres Culturais nos seus últimos días, nos uqe a AC Coro Vagalume propón o sábado 18 ás 20.00 e 21.30 horas dúas citas teatrais “Monsters vs Addams” e “Engominados”. O domingo 19 ás 18.00 horas é a quenda de “O club Antimachotes”, O mesmo día, pero ás 18.30 horas no Local Social de Berdillo teñen lugar os Encontros Culturais Arume, un festival de música e baile tradicional: e o sábado 25 o Coro Aires de Bergantiños celebra o XXVII Concerto de Aniversario coa colaboración do Coro Canta Compaña da Coruña. O Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, quixo subliñar a presenza “dunha programación cunha oferta tan atractiva, non só para a xente de Carballo, senon para que nos visite xente de fóra”. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou a calidade dun programa “intenso e tremendamente interesante” e invitou “a todos os cidadáns da Costa da Morte” a que gocen del.











