O primeiro Día Autonómico do Pequebasket congrega en Carballo a máis de 300 nenos e nenas de entre 4 e 8 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesLocalLocal Portada
A-
A+
Presentación do 1º Día Autonómico do Pequebasket 2013

Presentación do 1º Día Autonómico do Pequebasket 2013

Máis de 300 nenos e nenas de arredor de 30 equipos chegados das catro provincias galegas participan o venres 17 de maio no primeiro Día Autonómico do Pequebasket. Trátase dunha cita pioneira e non competitiva dirixida a cativos e cativas de entre 4 e 8 anos e que ten como obxectivo que os participantes desfruten dun día lúdico festivo coa súa familia, de xogar os seus primeiros partidos amigables sen ter en conta os resultados e compartindo actividades nas zonas de xogo e lecer. A xornada tamén estará aberta a calquera neno ou nena que se acerque e desexe participar, para así amosarlles que o xogo a diversión e o deporte están relacionados, sendo a base para formalos como persoas do futuro, segundo explica a organización. Segundo conta o presidente das Escolas de Basket Xitia, Diego Vázquez, a súa entidade levaba xa varias edicións organizando a cita a nivel local e desta volta considerouse a posibilidade de dar o salto co obxectivo de “que se converta nun evento estable a nivel galego e incluso a nivel nacional”. Arturo Ferraces, director da actividade, explicou que a cita está organizada en partidos 4×4 para que os nenos e nenas “estean o maior tempo posible en contacto co balón”. A cita xira arredor da zona Bergantiños, estando as 5 ou 6 pistas de minibasket necesarias situadas no pavillón.

As actividades están ordeadas, segundo informa Ferraces, arredor de tres espazos ben diferenciados: o pavillón Bergantiños, co espazo de xogo e as pistas no que poderían estar 100 nenos a un tempo; un espazo na rúa cortado ao tráfico con inchables, xogos e un mini circuíto de educación vial no que poderían estar outros 100 nenos e nenas; e por último, unha zona de quecemento onde os participantes poderían prepararse para entrar á cancha. Ferraces quixo subliñar o “grande interese” que está espertando esta iniciativa en toda Galicia, xa que está prevista a presenza de cinco equipos de Ourense, e tamén de equipos de Vigo ou Ferrol, entre outros. O Pequebasket está organizado polas Escolas de Basket Xiria, o Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto (Fegaba). En representación do Concello, Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica, quixo agradecer a implicación do Basket Xiria, xa que as súas iniciativas supoñen “unha das maiores atraccións turísticas deste Concello”. Así, a organización estima que, ademais dos 300 nenos e nenas, poderían vir arredor de 900 acompañantes que encherán ese día as rúas de Carballo. Para Regueira “estas persoas nos coñecen, degustan os nosos produtos e coñecen a nosa paisaxe”, algo “impagable” para a promoción turística da vila.

Francisco Marín, presidente da Fegaba, mencionou que incluso a Federación Española de Baloncesto “ten valorado moito este proxecto”, e subliñou que “unindo o esforzo de clubs deportivos e de políticos quen gaña é a vila”, ademais de resaltar o valor “turístico e cultural” de iniciativas como esta. A Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín, salientou que nun día como o do Pequebasket, os nenos e nenas “aprenden valores e leccións que estará toda a vida na mente dos cativos”, ademais de ser unha cita que “fomenta a amizade e o xogo limpo”. Por último, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a vontade do Concello de “seguir apostando por un modelo deportivo que nos singulariza e nos fai fortes”, e que é o das escolas deportivas. Agradeceu a colaboración de todos os patrocinadores e entidades implicadas, e especialmente de Conservas Calvo, que estivo representada na rolda de prensa por Luciano Calvo, “porque sempre está aí”.

3 de maio de 2013 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.