O prazo para presentarse ao concurso de ideas para mellorar a accesibilidade de cinco puntos singulares da cidade conclúe o 27 de maio
O Concello da Coruña, a través do departamento de Infraestructuras, informa de que o prazo para presentarse ao concurso de ideas convocado para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares da cidade conclúe o próximo 27 de maio. Con esta nova iniciativa, o Goberno municipal quere resolver os problemas de accesibilidade en Mestre Clavé, Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo, Marqués de Cerralbo, Capitán Troncoso con Xeneral Alesón e Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez.
O obxectivo do departamento municipal de Infraestructuras é, por unha parte, seleccionar as mellores formulacións que axuden a mellorar a mobilidade en determinados puntos da cidade, á vez que se dinamizan, en condicións de igualdade e libre concorrencia, as oportunidades de traballo en sectores castigados polas circunstancias económicas. Os cinco puntos singulares pódense agrupar, polas súas características, en tres tipoloxías:
Rúas a distinto nivel con conexión mediante un único núcleo de escaleiras, como Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo e Cabo Santiago
Gómez con Maxistrado Manuel Artime. Nestes casos, as escaleiras non están adaptadas á normativa vixente polo que as propostas deberían
incluír a construción dunhas novas e a posible situación dun elevador.
Rúas a distinto nivel sen conexión directa na actualidade, como Capitán Troncoso con Xeneral Alesón, na que a solución podería pasar
pola implantación dun ascensor.
Rúas con tramos de escaleiras que dan acceso a espazos ou edificacións en cotas intermedias. É o caso de Mestre Clavé e Marqués de Cerralbo. Estas localizacións requiren dunha solución máis complexa.
As persoas ou equipos disciplinares que se presenten ao concurso poden optar por facer propostas para todos e cada un dos casos ou elixir só algún ou algúns deles. As propostas terán que cumprir o obxectivo de mellora da mobilidade, ademais de funcionalidade e sinxeleza, viabilidade económica e versatilidade. Tamén se valorará, especialmente, que logren satisfacer ao maior número de persoas posible.
Xunto coa proposta deberá incluírse unha valoración económica, xa que, en principio, non se establece un presuposto de partida para cada unha das solucións. Ademais, deberán axustarse á normativa vixente. Para estimular a participación no concurso, o Concello entregará dous premios por cada un dos cinco puntos singulares que oscilarán entre os 1.000 e os 10.000 euros segundo a rúa. En total, dedícanse 37.900 euros a este concurso de ideas.
O xurado estará presidido polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e formado polos decanos dos Colexios de Arquitectos de Galicia; Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia; e Enxeñeiros Industriais de Galicia ou persoas nas cales deleguen; ademais dun profesional técnico elixido polos concursantes.