O prazo de inscrición para o curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes segue aberto ata o 20 de maio
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Emprego que dirixe Martina Aneiros Barros, recorda que o prazo de inscrición para o novo itinerario formativo de inserción laboral con certificado de profesionalidade “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” estará aberto ata o vindeiro día 20 de maio. O límite de prazas para este curso é de 15 persoas e o mesmo enmárcase no proxecto “Ferrol punto de emprego II” da Administración municipal, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE).
A acción formativa terá unha duración de 560 horas e dará comezo no mes de xuño. “O obxectivo é proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral” explicou Martina Aneiros. Para máis información, os interesados poderán dirixirse ao Centro de Emprego do Concello de Ferrol situado na rúa Sagrada Familia nº 56, chamar ao 981 94 41 95 ou a través de internet na páxina oficial do Concello: www.ferrol.es/emprego ou www.ferrol.es/emprego/puntodeemprego.
Este novo itinerario está dirixida a persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e que se atopen empadroados no Concello de Ferrol. Así mesmo, deberán de posuír -como mínimo- algún dos seguintes niveis formativos: Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e ter superadas as probas específicas para competencias clave de nivel 2 (lingua castelá, lingua galega e matemáticas); ademais, deberán ter o certificado de lingua galega de nivel mínimo, CELGA 2.
Documentación necesaria para a solicitude
Os interesados que cumpran os requisitos deberán presentar as solicitudes no Centro de Emprego do Concello de Ferrol de 9:00 a 14:00 horas, onde entregaran a seguinte documentación: copia do DNI ou NIE; copia actualizada da Tarxeta de Demandante de Emprego; volante de empadroamento expedido pola Oficina de Estadística Municipal; informe de períodos de inscrición emitido pola Oficina de Emprego; orixinal ou copia cotexada acreditativa do nivel formativo e do nivel de lingua galega; e o currículum vitae.











