O pleno do Concello de Sober acorda ceder ao Sergas o seu centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSober
A-
A+

O Pleno do Concello de Sober celebrado onte acordou a cesión ao Sergas do Centro de Saúde da localidade despois de ter iniciado o correspondente expediente na anterior sesión. O municipio acóllese así a un convenio asinado entre a Fegamp e o Sergas mediante o cal preto de 25 centros de saúde con competencias de mantemento municipal pasan a depender do organismo autonómico cada ano.

Na actualidade o Concello de Sober asume os gastos do persoal de limpeza, luz, auga, calefacción (gasóleo e mantemento das caldeiras), revisión de extintores, seguro do edificio, e o mantemento xeral de avarías (cristais, pintura, carpintería, fontanería, etc.). Unha vez cedido o Centro de Saúde ao Sergas o Concello deixará de asumir todos estes custos, cuxo importe oscila entre os 15.000 e os 20.000 euros anuais.

Fernández Guitián explica que “en ningún caso” ten que ver cos servizos, senón que se trata dunha competencia municipal das denominadas impropias, de maneira que coa cesión o Concello de Sober deixará de asumir os gastos de funcionamento do Centro de Saúde.

Modificación de ordenanzas

A Corporación de Sober aprobou tamén a modificación das ordenanzas municipais de instalación de terrazas, oficina de rehabilitación e IAE. Na primeira delas cámbiase ‘instalación anual’ por ‘instalación en época estival’. Na correspondente á oficina do ARI engádese “prioridades segundo a tipoloxía da edificación: tipoloxía tradicional (edificación de máis de 50 anos), 4 puntos, e edificación que non ten carácter tradicional, 2 puntos.

Na Ordenanza de IAE engádese coeficiente de situación.

Ampliacións de crédito

O Pleno ordinario celebrado onte acordou ademais xerar un crédito de 30.000 euros, con cargo ao remanente de tesourería, para facer fronte ao segundo semestre da recollida de lixo, tendo en conta que se estima que a partir de xullo pode estar adxudicado o servizo.

Tamén con cargo ao remanente de tesourería amplíase con 50.000 euros a partida 4.61 de Obras e inversión, traballos de reposición, etc. E con 55.000 euros a partida 1.22 de gastos de material, suministros, etc.

Outros asuntos

Os grupos con representación no Concello de Sober acordaron solicitar á Xefatura Territorial da Consellería de Educación a desafectación da parcela onde está ubicada a antiga vivenda do conserxe do Colexio Virxe do Carme coa posibilidade de, posteriormente, destinar ese terreo á construcción dun grupo de vivendas sociais.

Ademais destes temas, o Pleno ordinario abordou tres mocións do PSOE. Unha delas tiña que ver co emprego xuvenil e recibiu o respaldo unánime da Corporación ao ser aceptada unha emenda transaccional do PP. As outras dúas, sobre as oficinas tributarias de Foz e Monforte e sobre as oficinas de Rexistro Civil, foron rexeitadas cos votos en contra do PP. Tamén foron rexeitadas polo PP dúas mocións do BNG; unha solicitando a retirada da LOMCE e outra sobre a reforma da Lei do Aborto.

30 de maio de 2013 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.