O pleno de Teo debaterá o fraccionamento de impostos e taxas municipais
A corporación teense reúnese este xoves 30 de maio para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa.
Un dos puntos que se debaterá durante a sesión é unha proposta do Partido Socialista que pide a modificación das ordenanzas fiscais co fin de introducir a posibilidade voluntaria de fraccionamento no pagamentos das obrigas tributarias. Tamén se tratarán sendas propostas do BNG e do PSOE de defensa dos xulgados de paz e de mantemento da gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís.
A orde do día ten os seguintes puntos:
- Aprobación das actas das sesións de 25.03.13 e 25.04.13
- Dar conta das resolucións da alcaldía (da 341/12 á 445/13).
- Ditame da moción do grupo municipal popular para adopción dun acordo municipal de apoio, colaboración, promoción, impulso e posta en valor do comercio local de Teo.
- Ditame da moción do PSdeG-PSOE sobre fraccionamento do pagamento dos impostos municipais e taxas municipais.
- Ditame da moción do BNG a prol do mantemento dos xulgados de paz e da gratuidade dos rexistros civís.
- Ditame da moción do PSdeG-PSOE para o mantemento do servizo do rexistro civil nos xulgados municipais.
- Ditame da moción do BNG para esixir a retirada da LOMCE polo seu carácter centralizador e desgaleguizador.
- Ditame da moción do PSdeG-PSOE de modificación dos artigos 4 e 5 do regulamento de organización e funcionamento das escolas infantís municipais do Concello de Teo.
- Ditame da moción do BNG sobre a reforma da lei do aborto.
- Mocións.
- Rogos e preguntas.











