O Plan RUA conclúe a súa segunda fase actuando en máis de 140 rúas e prazas de 8 barrios
O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, acompañado polas concelleiras de Barrio, Susana Pazo e Carmen Hervada, fixo esta mañá balance da segunda fase do Plan RUA (Renovación Urbana e Acondicionamento) que incluíu actuacións nos barrios do Ensanche, Sagrada Familia, San Pedro de Visma, Lonzas, Cuatro Caminos, Adormideras, Palavea e Os Rosales ao longo de 36 días. “A fase, que se arrancou o 1 de abril e se mantivo ata o pasado 13 de maio actuou en 351.118 metros cadrados de 141 rúas e prazas destes barrios. Ademais realizouse o mantemento en 1.431 colectores e 551 papeleiras e instaláronse 63 novas unidades”, explicou Salvador que tamén destacou que se realizaron 16 actuacións en 8 parques infantís, en 58 semáforos e pintáronse 40 pasos de peóns.
Salvador tamén recordou que durante este 2013 o Plan RUA xa actuou en 321 rúas e prazas da cidade dentro do compromiso do Goberno local cos veciños e veciñas que demandaban unha cidade máis limpa, sostible e ordenada. “Non” se trata “dun simple plan de limpeza, senón dunha actuación integral sobre cada barrio para atender aquelas deficiencias detectadas en inspeccións previas á actuación do Plan. Trátase ademais dun plan vivo, que escoita os veciños. De feito, durante a actuación no barrio da Sagrada Familia, foron os residentes os que alertaron dunha incidencia nuns sumidoiros da pista multiúsos do barrio, detallou e engadiu: “Este ano o RUA actuou en 615.523 metros cadrados, 1.500 deles de beirarrúas; recolleu 4.300 pilas no punto limpo móbil; e resolveu 227 deficiencias en iluminación pública”.
“Dende o Concello queremos agradecer a colaboración cidadá en cada unha das zonas nas que estivo o Plan RUA, xa que facilita enormemente a realización das tarefas, axilizando os tempos de execución e permitindo uns bos acabados en todas as rúas”, destacou Salvador.
O concelleiro avanzou que a próxima fase comezará o próximo 27 de maio no Agra del Orzán onde se manterá ata o 1 de xuño. A 3ª fase tamén actuará en Monte Alto (do 3 ao 15 de xuño); Zalaeta (do 17 ao 22 de xuño); e Os Castros (do 26 ao 29 de xuño). En total haberá seis fases con actuacións en máis de 30 barrios que durarán entre 26 e 40 días segundo a seguinte planificación:
. 4ª FASE. Do 1 ao 31 de xullo. Realizarase en Falperra, Sardiñeira, Cuatro Caminos, Agra del Orzán e Ciudad Vieja.
. 5ª FASE. Do 2 de setembro ao 11 de outubro. Levarase a cabo en Pedralonga – Eirís, Castrillón, Monelos, Labañou – Ciudad Escolar e O Birloque.
. 6ª FASE. Do 28 de outubro ao 5 de decembro. Percorre as seguintes zonas: Ventorrillo, Pescadería – Praza de Pontevedra, Paseo de los Puentes, Elviña 1º fase, Santa Margarita e Valaire.
“O Plan RUA cumpriu o seu obxectivo de realizar unha actuación integral de mellora nos barrios que se beneficiaron deste programa”, asegurou o concelleiro que recordou que esta actuación xa realizou un lavado de cara” en máis de 50 zonas da cidade.
“Realizouse unha mellora substancial nestes barrios. Por exemplo, dende a primeira fase do RUA, en novembro de 2011, ata a primeira fase do RUA 2013, en febreiro de 2013, abríronse expedientes a 95 vehículos abandonados. Deles, só o 14%, 12 vehículos, continúan na vía pública e xa se lles abriu un expediente nestas últimas fases do Plan”, concluíu.