publicidade hoxe

O pintor estradense Santiago Tato Vidal expón as súas obras no centro cultural de Sigüeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOroso
A-
A+
Unha das obras de Tato

“Pontevea”, unha das obras de Tato Vidal

O centro cultural de Sigüeiro acolle ata o vindeiro 31 de maio unha exposición de pintura do estradense Santiago Tato Vidal. Trátase dunha mostra itinerante composta principalmente por unha vintena de acuarelas, óleos e acrílicos do autor entre as que destacan as temáticas da paisaxe rural e do cotiá.

Os cadros de Santiago Tato Vidal caracterízanse por unha riqueza de cores acorde coa cromatografía existente en Galicia. Un dominio da cor que se reflexa nos seus verdes característicos, nos grises ocres das pedras das vellas aldeas ou das cidades, ou nos azuis intensos dos ríos que cruzan o territorio a cada paso. A exposición de Santiago Tato poderá visitarse no centro cultural Fernando Casas e Novoa (Sigüeiro) ata o vindeiro 31 de maio, logo de pasar recentemente por municipios como Lalín, Negreira ou Silleda.

Santiago Tato naceu nunha pequena aldea da Estrada (Pontevedra) a principios dos anos setenta. Dende neno amosou interese polo debuxo e, tras rematar os seus estudos, comezou a traballar como pintor, aínda que sempre dedicou parte do seu tempo a seguir debuxando. En 2001 ingresa nun obradoiro de Artes Plásticas na Estrada e comeza a facer obras en acuarela e en óleo, ademais de debuxar a lapis, a tinta e incluso algunhas obras ao pastel.

En xuño de 2002 participa nunha exposición colectiva na Estrada e dende entón participou en diversas mostras en Santiago de Compostela. En outubro de 2010 realiza a súa primeira exposición formal na Galería de Arte Guimar da Estrada, á que seguiría unha mostra na Sala de Exposicións do Centro Social A Rúa de Miño (A Coruña) e unha longa itinerancia por distintos municipios galegos.

22 de maio de 2013 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.