publicidade hoxe

Carlos Barcón formará parte do xurado do Concurso de Carteis da XXV Festa do Pan de Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaNeda
A-
A+

A concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, anunciou esta mañá que o prestixioso pintor ferrolán Carlos Barcón formará parte do xurado do Concurso de Carteis da XXV Festa do Pan de Neda. Un xurado que presidirá o alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, e integrado tamén por un membro de cada grupo político con representación no Concello e un portavoz do sector panadeiro. Todos eles, xunto ao secretario municipal, reuniránse o xoves 6 de xuño, ás 13 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Nesa xornada daráse a coñecer o cartel gañador, co que se publicitará a Festa do Pan nunha edición moi especial, na que cumpre o seu primeiro cuarto de século de vida. Así mesmo, e como premio, recibirá un cheque por valor de 300 euros. En todo caso, todos os traballos pasarán a formar parte dunha exposición colectiva que organizará a Concellería de Promoción Turística.

Neste contexto, Montse Rico lembrou que o Concurso de Carteis é unha das iniciativas que está a levar a cabo o Concello co ánimo de potenciar a Festa do Pan. Entre elas, a concelleira iniciaba ante a Xunta os trámites necesarios para solicitar a Declaración de Interese Turístico de Galicia para a festa, estreaba nova imaxe corporativa da cita e activaba unha campaña de adhesión de apoios á iniciativa entre hostelería e cidadanía en xeral, así como de promoción do producto. E nese contexto se encadra o concurso, unha acción máis para continuar poñendo en valor esta cita a través da participación cidadá.

Un xurado de luxo

Carlos Barcón Collazo foi promotor e fundador da Sociedad Artística Ferrolana (SAF) en 1970. Académico da Real Academia de Belas Artes de Galicia (1990), membro numerario da Asociación Española Internacional de Críticos de Arte de Madrid y París (1982), membro da Unión de Periodistas (Madrid), membro do Club de Prensa de Ferrol, fundador e director da revista “Arte Galicia” e fundador e coordinador da revista “Poesía Galicia”. Colaborador habitual en xornais, revistas e radios. En 1981, é nombrado académico benemérito “Ad honorem” do Centro Literario e Artístico de “O Jornal de Felgueiras” (Portugal). Fundador do grupo pictórico “Ancla” e cofundador do gru-po pictórico “Arco Iris”.

Ao longo da súa vida no mundo da pintura acadou importantes e destacados premios. Presentou obras en exposicións no Salón des Nations de París, na Galería Kandisnsky de Madrid, na Casa de Galicia da Xunta en Madrid, na Galería Alcalá de Madrid, na Sala Zeus de Santiago, así como en salas de Vigo, Lugo, Ferrol, Mallorca e Cartaxena.

24 de maio de 2013 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.