O PCT Puertas de Galicia ábrese ao mercado nacional dende Madrid

Ónega, Nava Castro, Jimenez e Valdés na presentación
Preto dun centenar de persoas reuníronse onte á noite no Hotel Preciados de Madrid para coñecer e degustar a riqueza enogastronómica do territorio Verín-Viana, nun acto promovido baixo o Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia.
Un exitoso evento que reuniu profesionais do mundo do viño, a prensa e a restauración, no que se expuxo unha ampla variedade de viños e produtos autóctonos da terra como castañas, cogomelos, pementos, augas minerais, carnes de tenreira ou sobremesas -unha pequena mostra da ampla riqueza gastronómica destas comarcas ourensanas-.
O acto comezou coas palabras do presidente da Asociación de Municipios de las comarcas de Verín e Conso-Frieiras e alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, quen presentou a oferta turística do xeodestino Verín-Viana, así como da subdirectora xeneral de Desenvolvemento e Sostibilidade da Secretaría de Estado de Turismo, Elena Valdés, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez. Así mesmo, asistiu o Delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, e outros cargos das administracións turísticas da Xunta e do Goberno de España.
Todos os convidados puideron gozar das saborosas creacións do prestixioso cociñeiro Pepe Solla, que conta cunha estrela Michelin, entre as que figuraban: Caldo de cogomelos trufado, roast beef con salsa de castañas de Riós ou Cachelos asados con mollo de pemento de Oímbra. Así mesmo, degustaron unha ampla variedade dos viños da denominación de orixe Monterrei, pertencentes ás adegas de Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Crego e Monaguillo, Valderello, Triay, Boo-Rivero, Chicheno, Tabú, y Abeledos.
Os asistentes valoraron moi positivamente os produtos e os caldos do territorio, nun acto que estivo animado pola presenza de cigarróns de Verín e vellarróns de Riós que encheron de colorido o encontro.
O Plan de Competitividade Puertas de Galicia está promovido por Turespaña, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e doce municipios (Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Puertas de Galicia. Entre os obxectivos deste plan están a busca de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe, así como a busca da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio.