publicidade hoxe

O pavillón de Bertamiráns acolle este sábado o V Trofeo de Karate Concello de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesDeportesLocal
A-
A+

02052013-13O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá, este sábado 4 de maio, unha nova edición do Torneo de Karate Concello de Ames, no que se darán cita 7 clubs de Ames e da comarca. Arredor de 150 deportistas competirán nas categorías de benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete (feminino e masculino). O torneo comezará ás 16:30 horas e está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 15 anos que competirán nas modalidade de kata individual e kumite. Esta competición está organizada polo Club Deportivo Karate Ames en colaboración coa Concellaría de Deportes.

O pavillón polideportivo de Bertamiráns será a sede, un ano máis, do Torneo de Karate Concello de Ames. Nesta ocasión o público asistente poderá gozar da exhibición da modalidade de kata individual e dos combates na modalidade de kumite. Arredor de 150 deportistas xuntaranse neste torneo que se desenvolverá a partir das 16:30 horas. Os amantes desta actividade, así como os curiosos aos que lles guste este deporte, teñen unha cita con esta arte marcial esta fin de semana en Bertamiráns.

Neste torneo xuntaranse 7 clubs da comarca. Os clubs que participan nesta competición son o Club Coto de Negreira, o Club Inmaculada de Santiago de Compostela, o Club Cluny, o Club Compañía de María, o Squash do Milladoiro, o Club Bembibre e o Club Deportivo Karate Ames. Os participantes teñen entre 4 e 15 anos de idade e divídense en diferentes categorías. Os nenos e nenas das categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete participarán na modalidade de kata (formas), mentres que os rapaces e rapazas das categorías xuvenil e cadete competirán na modalidade de kumite. Haberá competición tanto na categoría feminina coma na masculina.

A competición levarase a cabo nas modalidades de kata (exhibición) e kumite (combate en xaponés). Na modalidade de kumite só participarán os rapaces e rapazas da categoría xuvenil e cadete. Na primeira modalidade os participantes compiten en solitario, nun exercicio individual cun contrincante imaxinario, levando a cabo movementos de defensa e contraataque. Neste tipo de exercicios mídese a potencia, a calidade técnica e a destreza do participante nos seus movementos.

Na modalidade de kumite competirase en parellas, nun combate sen contacto entre ambos os dous membros. Os rapaces irán en todo momento protexidos con casco, peto, luvas e outros elementos de seguridade. Ademais, está prohibido tocar o casco do rival, prevéndose sempre a protección da integridade física dos participantes. A competición organizarase de xeito que se levarán a cabo todas as probas de cada categoría e a entrega dos trofeos destas antes de lle dar paso á seguinte.

2 de maio de 2013 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.