O novo goberno local de Culleredo impulsa unha organización en 7 grandes áreas
O Concello de Culleredo estará estructurado en 7 áreas que responden aos eixes básicos de actuación que impulsará o novo goberno municipal. A organización mantén unha base similar á seguida dende o inicio do mandato, pero con diversas variacións que pretenden potenciar algunhas áreas en función das necesidades do Concello.
As oito áreas do goberno local son as seguintes:
– Área de Presidencia: inclúe a coordinación das diferentes áreas municipais. Ocúpase da xestión económica, a asesoría xurídica, a xestión patrimonial, o servizo de contratación ou as relacións institucionais.
– Área de Benestar e Muller: esta área dedicarase en exclusiva aos ámbitos relacionados con servizos sociais, unha “prioridade absoluta” para o novo goberno. Incluirán as políticas de prestación de servizos asistenciais, a atención a situacións de marxinación e exclusión social ou os programas destinados á terceira idade. Dous ámbitos importantes nesta área son o de Muller, que aglutina as políticas de igualdade, e o de Sanidade e Consumo.
– Área de Cultura e Administración: considera a xestión de todas as políticas culturais, incluíndo as bibliotecas, exposicións, patrimonio cultural ou eventos. O Conservatorio de Música pasa a depender desta área, na que se inclúe tamén a Participación Cidadá. Nesta área intégranse outros tres servizos: Deportes, Persoal e Educación, no que se integra agora a Infancia.
– Área de Urbanismo: comprende a xestión das competencias municipais sobre a ordenación do territorio e o urbanismo.
– Área de Medio, Servizos e Obras: xestión dos servizos básicos municipais, políticas de medio e planificación de obras.
– Área de Promoción Económica, Formación e Emprego: xestiona as políticas de formación, inserción laboral, plans de formación, desenvolvemento económico local ou as relacións empresariais. Nesta área inclúese agora a Dinamización Local e Turismo, ao ter plena relación coa promoción económica. Tamén abarca ao ámbito de Mocidade.
– Área de Seguridade Cidadá e Comunicación: área de nova creación coa que o novo goberno pretende impulsar unha atención máis próxima aos veciños das forzas de seguridade. Inclúe a Policía Local e Protección Civil. Correspóndelle ademais as políticas de comunicación do Concello, incluíndo a xestión da radio municipal.
En función destas áreas, a repartición de concellarías do novo goberno municipal é o seguinte:
Xullo Sancristán Alcalde Presidencia
José Ramón Riobóo Primer tenente de alcalde Seguridade Cidadá e Comunicación
Alicia Ferreiro Segunda tenente de alcalde Administración e Cultura
Diego Taibo Tercer tenente de alcalde Urbanismo
Narciso Marzoa Cuarto tenente de alcalde Medio, Servizos e Obras
Marta Figueroa Quinta tenente de alcalde Personal
Marta Igrexas Sexta tenente de alcalde Promoción Económica e Emprego
Guadalupe Pombo Séptima tenente de alcalde Benestar Social
Juan Carlos Iglesias Lovelle Concejal delegado Dinamización Local e Turismo
Carmen Varela Concejala delegada Educación
Miguel Suárez Concejal delegado Deportes
Penélope López Concejala delegado Sanidade e Muller
Alberto Veira Concejal delegado Protección Civil e Incendios
Con esta organización, o goberno local busca unha estrutura que fomente o “contacto cos cidadáns” propiciando a comunicación e participación. Os cambios nas áreas buscan unha “mellor coordinación” que redunde nun funcionamento eficaz do Concello.
O Concello de Culleredo celebrou hoxe a xunta de voceiros previa ao pleno extraordinario do próximo martes, que discorreu con total normalidade. Nela o equipo de goberno aclarou todas as dúbidas aos voceiros da oposición sobre o funcionamento interno do Concello.
Na orde do día da sesión do martes figura a modificación das comisións informativas. Conformaranse 7, unha por cada unha das áreas de goberno. No pleno modificarase tamén o horario da xunta de goberno, que será os luns ás 13.00 horas.
O alcalde dará conta así mesmo das resolucións de cesamento dos tenentes de alcalde do BNG e revogación de competencias, e do nomeamento dos novos tenentes de alcalde e a delegación de competencias.











